A Xunta reserva 10 millóns de euros para promoción e internacionalización dos produtos galegos

Quere potenciar a marca 'Galicia Calidade' como "paraugas" para todos os produtos con "excelencia".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/06/2020 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A Xunta destinará máis de 10 millóns dos 165 do seu plan de reactivación e dinamización para facer fronte á crise provocada polo coronavirus a medidas de promoción, comercialización e internacionalización dos produtos agrogandeiros galegos.

O conselleiro de Medio Rural, José González, durante a súa videoconferencia coas denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas
O conselleiro de Medio Rural, José González, durante a súa videoconferencia coas denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas | Fonte: Xunta.

O conselleiro de Medio Rural explicou, en declaracións antes de reunirse por vía telemática con representantes das denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, que o seu departamento quere potenciar a marca 'Galicia Calidade' como "paraugas" para todos os produtos con "excelencia" da comunidade.

Ademais, indicou que entre os ensinos da pandemia está a de que "é importante incentivar" o apoio ás vendas en liña, polo que a Xunta traballa nunha plataforma, un 'marketplace', e ofrecerá formación para que os produtores, aínda que sexan de pequeno tamaño, teñan acceso a estas opcións. "Unha cousa que nos ensinou a pandemia é que temos que ter abertas todas as canles de distribución", argumentou.

González agregou que a Xunta realizará unha campaña "potente" de promoción dos produtos galegos en España, en puntos de venda físicos e dixitais e con publicidade en medios. Para esta iniciativa pediu achegas ás denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas.

Coa crise do coronavirus, o Goberno galego detectou tamén que "hai moito campo para a internacionalización" dos produtos agroalimentarios, posto que algúns, como o viño, están xa presentes en mercado foráneos, pero outros deben traballar neste sentido. O responsable de Medio Rural indicou que se porá en marcha un grupo de traballo co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para identificar países obxectivo e dar asesoría ao longo deste ano.

Dentro da promoción, González referiuse tamén aos mercados singulares que se establecerán en lugares emblemáticos de Galicia para difundir os produtos.

AVALIACIÓN DO IMPACTO

Aínda que os prazos para as medidas "cambiaron coa pandemia", González sinalou que serán "inmediatos" en varias liñas. A consellería, agregou, está inmersa no proceso de avaliar os efectos da crise do coronavirus nos diferentes sectores e indicou que, aínda que o agrogandeiro e o forestal "non foron dos máis afectados", isto "non quere dicir que non haxa xente tendo problemas".

Neste sentido, lembrou que hai unha liña de axudas directas dotadas con 24 millóns de euros para "facer fronte á perda de renda" de pequenos produtores e pequenas e medianas empresas (pemes), co fin de que "ninguén quede atrás no sector primario galego".

O plan de reactivación mobiliza 165 millóns de euros de fondos públicos, cos que Medio Rural calcula que terá un impacto de 568 millóns de euros na economía galega. Conta con cinco eixos de actuación, que son a promoción, comercialización e internacionalización; a sustentabilidade económica dos sectores agrogandeiro e forestal; a resiliencia do territorio rural; a formación, a innovación e a dixitalización; e a simplificación e flexibilización administrativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta