Rexeitan "as esmolas de Feijóo" para persoal do SERGAS e piden recuperar dereitos salariais e laborais

Unha concentración de CIG-Saúde reivindica a "convocatoria dunha mesa sectorial para negociar a recuperación dos dereitos roubados nestes anos e medidas que terminen coa precariedade e a inestabilidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2020 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

A CIG-Saúde levou a cabo este xoves unha concentración diante da sede da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela, no marco dunha campaña que iniciou pola "recuperación dos dereitos laborais e retributivos" do persoal do Sergas fronte ás "esmolas de Feijóo". Coa protesta fronte á Xunta, este sindicato quixo "denunciar a precariedade laboral que sofre boa parte do persoal do Sergas" e demandar "a recuperación dos dereitos laborais e retributivos".

Ademais da protesta, explicou CIG-Saúde nun comunicado, remitirá un escrito dirixido ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para reclamarlle "que recoñeza e valore o traballo dos profesionais da sanidade os 365 días do ano, a través da recuperación dos acordos salariais, da carreira profesional e do Plan de Mellora da Atención Primaria, e non con esmolas para lavar a imaxe de face ás próximas eleccións".

MESA SECTORIAL

CIG-Saúde destacou que a concentración deste xoves supón o "inicio dunha campaña" coa que reivindica a "convocatoria dunha mesa sectorial para negociar a recuperación dos dereitos roubados nestes anos e medidas que terminen coa precariedade e a inestabilidade provocada pola política laboral do Goberno de Feijóo".

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, sinalou que reclaman "a eliminación da taxa de reposición e negociar un sistema identificativo do cadro de persoal do Sergas que permita coñecer cuantos traballadores son fixos, interinos, eventuais cubrindo prazas estruturais, eventuais fose do cadro de persoal, xubilacións, etc..." e que "se convoque unha oferta de emprego do 100% das prazas para dar estabilidade aos profesionais".

Respecto diso, Abuín reclamou a negociación de "un calendario plurianual de recuperación salarial que se materialice a través dos orzamentos e que se lle abone aos traballadores do Sergas a contía total do complemento específico que percibe o resto do persoal da Xunta".

"Se quere facer un recoñecemento real ao persoal do Sergas, empece por devolverlle os salarios roubados desde o ano 2010 e deixe de ter secuestrado o acordo retributivo; ese que cualificaban como inmerecido", concluíu Abuín.

Concentración convocada por CIG-Saúde diante da Xunta en Santiago.. CIG-SAÚDE
Concentración convocada por CIG-Saúde diante da Xunta en Santiago.. CIG-SAÚDE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta