Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2020 | Actualizada ás 14:27
A Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) entregou á xunta electoral o seu plan de cobertura para as eleccións do próximo 12 de xullo, que inclúe nove debates, dos cales só un con todos os candidatos á Presidencia da Xunta das sete formacións representativas e significativas. Xunto aos debates, a CRTVG tamén recolle no seu plan de medios un total de 14 entrevistas con candidatos.
Así, o ente público galego propón celebrar un debate a sete bandas o primeiro luns de campaña electoral, o día 29 de xuño. Así mesmo, aposta por catro debates provinciais na televisión pública, para emitir o 1 de xuño, e outro catro organizados pola Radio Galega, a última semana da carreira cara ás urnas.
Pola súa representatividade (presenza no Parlamento de Galicia) en función dos resultados das eleccións anteriores, as formacións que se consideran do grupo representativo son: PP --Alberto Núñez Feijóo como candidato--, En Marea (marca electoral que se presentou como tal nas eleccións de 2016 pero cuxos impulsores e partidos que o conforman xa non están vinculados) --Pancho Casal--, PSdeG --Gonzalo Caballero-- e BNG --Ana Pontón--.
Pola súa banda, en virtude da instrución 4/2011, do 24 de marzo, a xunta electoral central determinou que son grupos políticos significativos aquelas formacións que en procesos electorais celebrados con posterioridade ás últimas eleccións equivalentes obtiveron un número de votos igual ou superior ao 5 por cento.
Así, a CRTVG incluíu no seu plan de medios para as eleccións do 12 de xullo a En Común-Anova Mareas (coalición de Podemos, Esquerda Unida e Anova) --Antón Gómez-Reino--, Cidadáns (Cs) --Beatriz Piñeiro-- e Vox --Ricardo Morado Fajardo, número uno pola Coruña--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.