Pontón acusa a Feijóo de "aproveitar" a crise para "debilitar a educación"

Promete "protocolos claros" o próximo curso se gaña as eleccións.

Por E.P. | A CORUÑA | 19/06/2020 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, criticou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, por "aproveitar" a crise sanitaria para "debilitar a educación" e prometeu que se gaña as eleccións organizará o próximo curso escoitando á comunidade educativa para ter "protocolos claros".

Nun acto con representantes da comunidade educativa na Coruña, Pontón denunciou que a Xunta "está a botar balóns fóra" respecto ao curso académico 2020/2021 e censurou que a "única achega" de Fejióo fora, dixo, "preguntar se podían destinar a outros fins os fondos extraordinarios para educación".

A líder do BNG, en declaracións aos medios, defendeu que é "o momento da educación pública" e comprometeuse a estar á "resposta á altura do desafío" tras o 12 de xullo. Para iso, e aínda que avogou polo ensino presencial, propón unha liña de subvencións para adquirir dispositivos ou mellorar a conexión a internet das familias galegas e que haxa "garantías sociais e sanitarias" para o próximo curso.

REFORZO DE PERSOAL

Para logralo, Pontón cre necesario o reforzo de persoal e a baixada dos cocientes nos centros educativos e promete máis ferramentas e formación. Se gaña as eleccións, resaltou, organizará unha comisión con portavoces da comunidade educativa para "prever escenarios" durante o curso. "É necesario un plan A e un plan B", engadiu. Con respecto aos universitarios, Pontón reclama que non só se atenda á renda correspondente ao ano pasado como requisito. "A situación económica cambiou e moitas familias tiñan emprego ou un negocio e xa non o teñen", advertiu.

Á súa vez, o número tres da lista pola Coruña e profesora de Secundaria, Mercedes Queixas, denunciou a "falta de instrucións claras" por parte da Consellería de Educación durante os últimos meses, nun curso que cualificou de "incerto e estraño". O obxectivo principal do BNG, explicou, é o curso que vén onde, dixo, "hai que atender os fallos que deixa este".

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, nunha reunión con representantes da comunidade educativa. BNG
A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, nunha reunión con representantes da comunidade educativa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta