Galicia en Común-Anova afea ao PPdeG o "bloqueo" da comparecencia de Feijóo sobre a "manipulación" na CRTVG

Gómez-Reino lembra a derrota de Fraga de hai 15 anos e asegura que Feijóo tamén "é completamente vencible nas urnas".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/06/2020 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, afeou ao PPdeG que "bloquease" a comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento galego do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para explicar "todos os casos de profunda manipulación" que se dan na Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, ás portas do Parlamento de Galicia
O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, ás portas do Parlamento de Galicia | Fonte: Galicia en Común.

Así o manifestou este venres o cabeza de lista da coalición, ás portas do hemiciclo do Pazo do Hórreo ao finalizar o debate dos dous escritos rexistrados por toda a oposición --PSdeG, BNG, Grupo Común da Esquerda e Grupo Mixto-- para que compareza Feijóo pola CRTVG e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, polo ERE e o ERTE presentado por Noa Madera Creativa, en Fene (A Coruña), que afectarán a uns 160 traballadores en total.

Ao tombar ambas as propostas a maioría absoluta dos populares, Gómez-Reino lamentou que "se consuma novamente o rodete antidemocrático do Partido Popular".

No caso da CRTVG, o candidato de Galicia en Común-Anova á Xunta tachou de "especialmente grave" que se bloquee a comparecencia de Feijóo precisamente este venres, día no que se cumpren 109 'Venres Negros' de protestas dos traballadores do ente público agrupados ao redor da plataforma Defende A Galega.

Ademais, Gómez-Reino considera que Feijóo ten que "dar explicacións" sobre a suposta implicación da CRTVG na filtración das declaracións en 'off the record' da ministra de Igualdade, Irene Montero, sobre a manifestación do 8 de marzo en Madrid. No seu momento, a Corporación emitiu un comunicado para negalo.

Por todo iso, explicou que no programa da coalición que lidera atópase un cambio de "180 graos" na xestión dos medios públicos que aposta pola defensa dunha información "plural, veraz, independente" e co compromiso de "recuperar as delegacións territoriais".

Así mesmo, ao tombar tamén o PPdeG a comparecencia do conselleiro de Industria sobre Noa Madera Creativa, Gómez-Reino lembrou que se trata dunha empresa "fundamental" para a comarca de Ferrol, polo que os expedientes de regulación de emprego presentados son "un novo caso de desindustrialización" e "deslocalización" do sector en Galicia.

"O Partido Popular, como sempre fai, elude as súas competencias en materia industrial", aseverou.

DERROTA DE FRAGA

Por outra banda, o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas aproveitou para lembrar que xusto este venres, 19 de xuño, se cumpren 15 anos da derrota da maioría absoluta do PPdeG nas eleccións do 2005, o que puxo fin a 16 anos de goberno de Manuel Fraga e deu pé a catro anos de bipartito de PSdeG e BNG.

Así, coa vista posta nos comicios galegos do próximo 12 de xullo, Gómez-Reino trazou un paralelismo para asegurar que, "exactamente igual que Fraga, Feijóo é completamente vencible nas urnas".

"Por iso hai que chamar á mobilización, para que o 13 de xullo, dunha vez por todas, teñamos un goberno progresista, un goberno de país e, sobre todo, un goberno transformador ao servizo das maiorías sociais deste país", insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta