A praia de Vilagarcía permanecerá pechada ao baño durante toda a fin de semana

Antes dese día non se coñecerán os resultados das análises das novas mostras da auga recollidas.

Por Europa Press / Redacción | Vilagarcía de Arousa | 19/06/2020 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

A principal praia de Vilagarcía, a de Compostela, permanecerá pechada ao baño durante todo a fin de semana, xa que antes do luns non se coñecerán os resultados das análises das novas mostras da auga recollidas.

O Concello decidiu onte xoves prohibir o baño na praia de Compostela tras recibir unha comunicación da Consellería de Sanidade informando o resultado da analítica dunha mostra de auga tomada o martes, na que se detecta "unha concentración microbiolóxica superior aos niveis óptimos establecidos na normativa sanitaria".

Praia de Compostela, en Vilagarcía
Praia de Compostela, en Vilagarcía | Fonte: Luis Miguel Bugallo Sánchez - Wikimedia.

Ante esta situación, e á espera de que se coñezan resultados dunha segunda analítica que garanta o perfecto estado das augas para o baño, colocáronse no areal vilagarcián varios carteis informativos que advirten aos usuarios da prohibición.

A Consellería de Sanidade non tomará unha nova mostraxe das augas da praia de Vilagarcía ata a próxima semana e os resultados da analítica aínda tardarán dous días máis en chegar.

Co obxecto de poder dispor de datos canto nun menor prazo de tempo, o Concello contactou cun laboratorio certificado independente para contratar a realización dunha analítica con moita brevidade.

"Ao estar polo medio a fin de semana, os resultados non chegarán antes do luns", explican desde o goberno local.

"En todo caso, solicitarase ao laboratorio a maior axilidade posible para coñecer o estado actual das augas para que, de confirmarse que están ben, poder reabrir de novo a zona de baño", engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta