Pontón presume de alcaldes nacionalistas e di que levará o seu modelo municipal á Xunta

Fernández Lores mostra a súa "ilusión" por contar cun Goberno na Xunta "que axude a ter concellos do século XXI".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2020 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou a súa intención de, se alcanza o goberno da Xunta, levar ao Executivo autonómico o "modelo urbano" dos concellos gobernados polo BNG "que son unha referencia a nivel internacional" por conseguir situar "ás persoas no centro" das políticas de mobilidade e ordenación.

Así o dixo a líder frontista e candidata á Presidencia da Xunta durante a súa intervención ante os medios este sábado, xornada na que estivo arroupada en Santiago por alcaldes e representantes locais do Bloque.

En nome deles interveu o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, quen mostrou a súa "ilusión" pola oportunidade de "dar un salto cara a adiante conseguindo que Ana Pontón sexa presidenta da Xunta" e, desde alí, "axude a construír uns concellos do século XXI que fagan que este país teña futuro".

Tras enxalzar o traballo realizado polos concellos gobernados polo BNG que "reciben reconocimentos internacionais" por situar ás persoas "no centro" das políticas públicas, Pontón sinalou que unha das propostas incluídas no programa do BNG para as eleccións do 12 de xullo é a posta en marcha de "unha axenda urbana galega" que traslade ao ámbito autonómico "esa concepción de que o espazo urbano é un dereito".

Todo iso, ademais de para "devolver" os espazos á cidadanía, como vía para "loitar contra o cambio climático" con medidas como a redución do tráfico e a peonalización de áreas urbanas, a redución de emisións, a "autogeneración" de enerxía ou o "tratamento ecolóxico" e "racional" dos residuos urbanos e a auga.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra enxalzou a figura de Ana Pontón, de quen destacou que posúe "unha grandísima capacidade política acumulada" para converterse en presidenta da Xunta e, desde a administración autonómica, "modernizar Galicia e os concellos".

A líder do BNG, Ana Pontón, con alcaldesas e alcaldesas do Bloque durante a precampaña das autonómicas. BNG
A líder do BNG, Ana Pontón, con alcaldesas e alcaldesas do Bloque durante a precampaña das autonómicas. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta