Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2020 | Actualizada ás 17:01
A delegación en Galicia da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) manifestou o seu rexeitamento ao cheque de 250 euros para sanitarios anunciado este venres polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e cualificou a medida de "propina" e "tomadura de pelo".
"Se realmente quere recoñecer o inxente labor desenvolvido por este colectivo na loita contra a COVID-19, reverta todos os recortes salariais, sociais e asistenciais que perdemos por mor da crise de 2009", replica o sindicato a Feijóo nun comunicado remitido este sábado.
En lugar deste bono, que ve "indignante", a CESM reclama medidas ás que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Sanidade "fixeron caso omiso", a pesar de que algunhas delas foron pactadas, denuncia. Entre elas, pide que se elimine a precariedade na contratación, que haxa listas transparentes e que se mellore a atención aos pacientes.
Este tipo de cambios, expón, son os que esperarían das autoridades sanitarias "se realmente queren ter un xesto de recoñecemento". O cheque "produce o efecto contrario ao perseguido, en plena campaña electoral", critica a organización.
Os sanitarios, agrega, merecen unha "compensación" por parte da Xunta porque traballaron con "unha implicación e entrega moi superior ao que sería esixible", algo que fixeron "por sentido do deber". "O mellor e máis xusto recoñecemento sería a recuperación dos dereitos perdidos e o cumprimento dos compromisos" para acabar coa precariedade laboral e mellorar a calidade asistencial, insiste.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.