GC Aberto

PODEMOS en ciclo minguante

O controvertido acceso ao poder, a total ausencia de autocrítica e a negativa a reconducir a situación son actitudes contrapostas ás que ilusionaron aos homes e mulleres que no seu día se incorporaron a Podemos.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 25/06/2020

Comparte esta noticia

Pablo Iglesias
Pablo Iglesias | Fonte: @ Miguel Núñez.

Superado o groso  da crise sanitaria, as primeiras  enquisas  sobre a intención de voto  indican  que o vicepresidente do Goberno Pablo Iglesias é con moito o máis prexudicado por esta pandemia, pois a tendencia electoral á baixa da formación morada é de tal calibre  que aínda atendendo ás  estimacións máis favorables a repercusión do seu impacto   faría que pasase dos 35 escanos que ten actualmente aos 27 que alcanzaría no suposto de celebrarse agora novos comicios, co agravante que tan pronunciado descenso  de representación supoñería ademais  que o bloque da esquerda perdería a maioría fronte ao da dereita.

 

Tal circunstanci é indicativa de que Unidas Podemos xa non ten o apoio da maioría dos españois de esquerdas,  aínda cando Iglesias  non perde a oportunidade  de manobrar para  afianzar o seu liderado a calquera prezo, como así ocorreu tras gañar recentemente  Vistalegre III cun  pírrico  10% dos votos dos seus afiliados, xa que a maioría militante  nunha actitude de notorio  desencanto optou por manterse á marxe.

 

Pero esta deriva non é nada novo, pois xa comezou no  transcurso de Vistalegre II, cando a derrota dos defensores da vía do 15-M induciu un cambio irreversible na natureza da organización morada que tras aquela capitulación pasou a funcionar como un partido político tradicional dirixido desde a sala de mandos con man de ferro por alumnos instruídos nas Mocidades Comunistas sobre prácticas de poder interno que aplicaron con disciplina  prusiana os “notables” do aparello con Iglesias á fronte auxiliado por Echenique, Montero, Mayoral e Monedero, baixo cuxas ordes o envorco acentuou a escala de decadencia de Podemos. 

 

Desde entón a estrutura de funcionamento podemita axustouse estritamente ao prototipo dunha formación comunista de corte clásico, é dicir, establecendo unha composición marcadamente xerarquizada e  burocratizada en liña a impoñer a nova orientación e á vez laminar todo rastro do facer político dos seus antecesores, para cuxa configuración se asignaron cargos de confianza en “plural” correspondencia coas lealdades persoais prestadas. 

 

Afirmar para o efecto que do formato político de Podemos só queda a súa filiación de orixe, polo demais, consecuencia da súa toma por asalto converteuse nun hábitat politicamente  inhóspito onde o leninismo de Iglesias impide calquera cohabitación cos proclives ao espírito do 15-M ao quedar sometida a súa hexemonía ao imperio das camadas de substitución do vello PCE, transformándose con iso na organización máis antidemocrática e cesarista do país.

 

Na actual tesitura unha vez extinguidos os círculos, e imposta a máis absoluta e férrea  verticalidade, como non podía ser doutro xeito  o novo staff comunista mostrouse máis proclive en aplacar toda reacción interna que preocupación real por dar solución á problemática social, nunha tendencia de achicar receptividade e acentuar a salvagarda, unha actitude en correspondencia coa docencia recibida, máis orientada á intriga política que ao desempeño de funcións de goberno, o que á marxe dos seus  aleccionados e disciplinados acólitos proxecta cara ao electorado unha imaxe pública de Podemos deprimente e de nula receptividade.

 

Queda probado, pois, que o transito ao comunismo ocasionou unha perda de referendo social que impide que o actual Podemos poida ofrecer ao electorado aquel proxecto de país que foi referente da súa propia xénese, tal é así que tras seis anos de Podemos e nove do 15M, o impacto do baixón sufrido en termos de poder institucional é de tal calibre que poñen en serio perigo a continuidade da formación política.

 

A extinción efectiva dos círculos como ferramenta de participación e de relación activa da organización coa sociedade, impediu cumprir a finalidade de empoderar a xente e dar protagonismo aos cidadáns que por tal motivo deixaron de participar ou optaron  por abandonar definitivamente o proxecto por perda de entusiasmo, e todo  porque a gran maioría dos homes e mulleres que recalaron en PODEMOS se inscribiron na formación co ánimo de facer política de forma e maneira distinta, e iso é algo que para nada está a suceder a tempo presente.

 

Atrás queda o 15M, das asembleas, do «non nos representan, mentres o actual PODEMOS pechado baixo sete chaves á participación directa, deixou de ser o azoute da caste e tras renunciar ás “novas formas de facer política” confórmase pola continuidade e por ser unha parte  inoperante dese Partido Comunista  decrépito e  extemporáneo, sen influencia ningunha na vida política española, facilitando dese modo a continuidade e supervivencia dun Réxime decadente como o dimanante do 78.

 

Cúmulo de avatares que fixeron crecer a decepción de quen puido constatar como a idea orixinal de Podemos se desvaecía, unha frustración que se acentuaba en tanto electoralmente non só decaía nas urnas senón que aceleraba o seu esborralle, unha deterioración que non terá volta atrás en tanto se manteña no seu seo o anacronismo bolxevique como estratexia de afianzamento no poder, e non se opte pola reconciliación coa democracia participativa aplicando a descentralización do partido para que as decisións tómense de abaixo cara arriba e non ao revés.

 

Con esta traxectoria o 12 de xullo en Galicia a desfeita está servida. 

 

 

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Escarnasedo

Supoño que a campaña de mentiras e desprestixio tamén influen. Lembrame aquelas contra o Bipartito. Os Audis, o despacho de Touriño, unha volta en iate de Quintana,... valeu para a demagoxía noxenta do PP. Non estarás ti un pouco intosicado tamén?