Montero vincula a Feijóo coa "ultradereita" e chama a Galicia "a poñerse en pé" para defender os servizos públicos

A ministra portavoz acusa a presidentes de CCAA de "mentir", porque durante a alarma "sempre conservaron" as competencias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2020 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, ironizou con que o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "ten toda a razón" cando di que "representa a toda a dereita" en Galicia, porque isto tamén inclúe "á ultradereita, a aqueles que non cren na política".

Así cargou este domingo contra o mandatario galego, durante un mitin no centro de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) no que arroupou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, como candidato do "cambio" nas eleccións do próximo 12 de xullo. Rodeada de centos de persoas ataviadas con máscaras, Montero proclamou que Galicia "necesita un cambio" porque "ten que estar á vangarda" e "á altura da innovación". "Necesitamos, para que este país progrese, que Galicia se poña en pé, que sexa capaz de pelexar polo que lle corresponde. Necesita servizos públicos de calidade", valorou.

A ministra portavoz do Goberno de coalición dedicou parte do seu discurso para desmentir a moderación do presidente da Xunta, quen, segundo as súas palabras, pretende transmitir o "vello conto" no que fai "de poli bo" para "tentar parecer distinto ao que fai o PP no resto de España": "A política de acoso e derriba de tentar tombar ao Goberno".

"Non vale utilizar unha situación tan grave no noso país para tentar sacar rédito político", engadiu, para criticar aos populares, quen, como a "ultradereita" de Vox, "segue crendo" que o Executivo "saído das urnas" é "ilexítimo".

FEIJÓO "TOCA As PALMAS" A CASADO

Aproveitando ademais a presenza en Santiago do presidente do PP, Pablo Casado, noutro mitin de precampaña, Montero afeou a Feijóo que "toque as palmas" ao discurso do seu líder e que "non cuestione" a súa política. "Simplemente, para diferenciarse, tenta utilizar palabras máis suaves. Pero no fondo a política, as propostas e a ideoloxía son as mesmas", asegurou.

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero; o alcalde de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), Alberto Varela; e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nun mitin de precampaña para as eleccións do 12 de xullo.
A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero; o alcalde de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), Alberto Varela; e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nun mitin de precampaña para as eleccións do 12 de xullo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta