O alcalde de Trasmiras (PP) deixa abandonada unha área recreativa "por ser obra do anterior alcalde"

O BNG vén de interpoñer unha denuncia contra as "desfeitas" nas instalacións de Vilaseca.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2020 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

"A maleza supera bancos e mesas e as piscinas están sen rehabilitar, perden auga e abren tarde, mal e a rastro". Este é o estado habitual no que, segundo o BNG de Trasmiras, se atopa a área recreativa de Vilaseca, "unha das mellores de toda a zona de Xinzo" ata que entrou en situación de "abandono". A concelleira da formación nacionalista, María do Mar Alonso, achaca esta "xenreira" do Concello de Trasmiras e do seu alcalde, Emilio Pazos (PPdeG), coa área recreativa de Vilaseca a unha lea que vén de lonxe. E é que estas instalacións, que constan dun merendeiro e de dúas piscinas municipais, foron construídas hai 30 anos pola oposición socialista na aldea na que nacera o alcalde que daquelas rexentaba o concello.

Uns bancos de pedra desfeitos na área recreativa de Vilaseca (Trasmiras)
Uns bancos de pedra desfeitos na área recreativa de Vilaseca (Trasmiras) | Fonte: remitida

"DESFEITA" NAS INSTALACIÓNS

Agora, ás portas dun novo verán, esta área recreativa volve ser punto de mira logo da desfeita e danos no mobiliario das instalacións. Esta situación foi criticada pola concelleira, María do Mar Alonso, que interpuxo unha denuncia perante a Garda Civil - da que aínda non obtivo resposta - para investigar o sucedido.

Todo comezou cando a formación nacionalista reprochou hai unhas semanas o estado de abandono no que se atopaban todas as áreas recreativas do concello, e concretamente, a de Trasmiras. A raíz desta petición para atender e coidar os espazos comúns, o concello procedeu a limpar a zona. Foi xusto despois desa intervención cando algunha veciñanza e a propia concelleira puideron dar conta das "desfeitas" ocasionadas nas mesas e bancos de pedra.

"POSIBLE NEGLIXENCIA"

Coa sospeita en mente dunha "posible neglixencia" nos labores de limpeza da área, o BNG pediu explicacións no seguinte pleno do Concello. "Entre burlas, cachondeos e vacile, o alcalde contestoume que a noite traballa moito", explica María do Mar Alonso sobre a resposta do alcalde, que deu a entender que aquela desfeita tivera orixe nuns "actos vandálicos". Sexa como for, Pazos "non" chegou a comprometerse perante a oposición a amañar os desperfectos e poñer a área recreativa a punto para este verán. "Farase cando se poida e cando teña operarios", dixo o alcalde, segundo explica a concelleira.

Por todo isto, e co gallo de aclarar os feitos, María do Mar Alonso cursou a correspondente denuncia perante a Garda Civil de Verín. "Os concellos limítrofes van abrir as súas piscinas. Por que Trasmiras non? O único que queremos é que a veciñanza poida gozar deste servizo público. Era unha das áreas máis importantes da zona, e hoxe por hoxe, non está acondicionada para facer uso dela", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta