Técnicos de loita contra o lume reclaman ante a Xunta máis persoal e garantir descansos

Demandan un novo acordo porque o actual é de 2008 e está "desfasado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2020 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Técnicos forestais do servizo de prevención de incendios da Xunta concentráronse este luns ante a Consellería de Medio Rural, en Santiago, para reclamar un novo acordo de condicións de traballo, xa que o actual data de 2008 e está "desfasado".

CIG, CC.OO., CSIF e UGT remarcan que o pasado 9 de agosto de 2019 levaron á mesa de negociación as demandas de enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes --que traballan en tarefas esenciais de coordinación e xestión de incendios-- "sen que ata hoxe a administración fose capaz de presentar ningunha proposta de reorganización do servizo público por escrito".

Respecto diso, os sindicatos sinalan que denunciaron o acordo de condicións de traballo de fai máis dunha década porque "contradí varios preceptos da normativa laboral". Entre outras cuestións, demandan: un novo acordo que dea solucións para aumentar o cadro de persoal e garantir os descansos legais; a redución das 2.000 horas anuais --superan en máis de 500 horas ao resto de empregados públicos; regulación do traballo en fin de semana, festivos, gardas e descansos; así como garantir 15 días de vacacións no verán.

Tamén se pide eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito, diminuír a interinidade --que é do 50%--, unido a regular a segunda actividade e coeficiente reductor para os maiores de 60 anos.

CADRO DE PERSOAL SEN ACTUALIZAR NO SÉCULO XXI

Así, os sindicatos expoñen que o cadro deste persoal de técnicos "data do ano 1999" e é de 123 postos de traballo, realizado a finais do século XX cando nin existían as leis de incendios e de montes de Galicia, entre outras. Nesta liña, lembran que son persoal "esencial" que necesita unha "reorganización" das condicións de traballo cun aumento substancial dos técnicos funcionarios, cunha oferta de emprego público que cubra todas as vacantes existentes.

Técnicos forestais protestan ante a Xunta. SINDICATOS
Técnicos forestais protestan ante a Xunta. SINDICATOS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta