A Xunta presiona en precampaña contra o Goberno e Endesa para que dean "resposta proactiva" para As Pontes

O concelleiro de Economía, Francisco Conde, asegura que o goberno galego está en disposición de "dialogar".

Por E.P. | VIGO | 22/06/2020 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia reclamou ao Goberno central e a Endesa unha "resposta proactiva" para buscar solucións para o futuro da central das Pontes, tras constatar que ningunha das partes puxo sobre a mesa "alternativas" para manter a actividade e o emprego, do que dependen 750 familias.

Así o trasladou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tras participar de modo telemático na reunión da mesa industrial das Pontes.

Segundo sinalou, nese encontro "constatouse que non hai alternativa, nin por parte do Goberno nin por parte de Endesa" para "garantir unha solución industrial a curto prazo", e que non se avanzou no plan de acompañamento solicitado para que a empresa reactivase a planta mentres se buscan combustibles alternativos.

Conde lembrou que o Goberno deixou "fóra" ás Comunidades Autónomas, entre elas Galicia, do acordo para a transición enerxética xusta, o que evidencia a "falta de interese" en identificar as alternativas que permitan manter a actividade e os empregos na central das Pontes.

"Necesitamos ter unha resposta proactiva por parte da empresa, que se mostra esquiva nos seus compromisos, e do Goberno", reclamou a Xunta, que pediu que se presenten os resultados das probas con biocombustibles para poder analizar a viabilidade da planta, e que se articulen solucións para a industria auxiliar e para os transportistas.

A ese respecto, Francisco Conde expresou a disposición do goberno galego de "dialogar" co Executivo central para facilitar o financiamento aos transportistas, para que se garantan préstamos a través do ICO co fin de que poidan refinanciar os créditos que xa teñen concedidos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participa nunha reunión telemática da mesa industrial das Pontes.. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participa nunha reunión telemática da mesa industrial das Pontes.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

"COMPROMISO" DO GOBERNO CENTRAL

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) trasladou este luns, tras a reunión da mesa industrial das Pontes, que mantén o seu "compromiso" co municipio, e propuxo un "calendario de actuación" para esta mesa.

Así, segundo trasladou o MITECO a través dun comunicado, na reunión deste luns produciuse "un avance en todos os elementos que se acordaron", en contra do que mantén a Xunta, que lamentou que o encontro non servise para expor alternativas que garantan manter a actividade e o emprego na central.

O Ministerio confirmou que está "a traballar" no lanzamento dunha liña de 7 millóns de euros da Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN), "á que As Pontes se pode presentar", e sinalou que "se aumentará ao 50 por cento a porcentaxe de participación de axuda da Administración central, para que se poida dar solucións de urxencia", á vez que avanzou que "se están valorando vías de financiamento adicionais para este mesmo 2020".

O MITECO tamén informou de que se está traballando "para que os fondos do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE) poidan priorizar as zonas de transición xusta", tal e como se incluíu na consulta pública para renovables eléctricas e térmicas.

Con respecto á planta das Pontes, lembrou que corresponde á mesa industrial a elaboración dun Plan de Desenvolvemento para atopar alternativas á xeración de electricidade a partir de carbón tal e como se estaba facendo ata agora.

Á ESPERA DOS RESULTADOS DAS PROBAS DE CO-COMBUSTIÓN

A ese respecto, indicou que esta mesa tamén se encarga do seguimento das probas de co-combustión na central e a súa viabilidade técnica, ambiental e económica, "das que aínda se está á espera de resultados".

Ademais, este órgano multilateral (ten representantes do Goberno central, a empresa, da Xunta, do Concello, de empresarios e sindicatos) "encárgase do seguimento da situación laboral dos traballadores (directos, de auxiliares e transportistas) e da procura de solucións para os mesmos".

Por outra banda, lembrou que as consultas públicas previas da Estratexia de Almacenamento e a Folla de Ruta do Hidróxeno Renovable incorporaron preguntas específicas en materia de transición xusta, dado o "potencial" que ambas as tecnoloxías teñen nesas zonas de transición e a contribución que poden facer ao seu desenvolvemento.

CONCELLO DAS PONTES

Pola súa banda, o Concello das Pontes (cuxo alcalde, Valentín González Formoso participou na reunión da mesa, xunto á concelleira de Industria, Ana Pena), reclamou "que Endesa reafirme o seu compromiso coas probas de biocombustibles" na central térmica.

Segundo informou o goberno local a través dun comunicado, a empresa "comprometeuse a darlle unha alternativa de futuro" ao complexo eléctrico pontés, "con cautela e á espera de coñecer o resultado das probas de hibridación de combustibles" que levarán a cabo durante o mes de xullo, e a condición de que arroxen resultados favorables.

Os membros da mesa, subliñou o Concello, volveron pedir tamén un "compromiso firme" co mantemento do emprego, e establecer unha vía de diálogo cos traballadores da industria auxiliar e os transportistas. A ese respecto, está prevista unha reunión a próxima semana entre a administración municipal, o Ministerio, a Xunta e a Asociación de Transportistas de Carbón das Pontes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta