A Xunta encarga a unha empresa privada os protocolos do coronavirus dos centros educativos

O sindicato STEGA denuncia que nin os responsables dos centros nin as delegacións da Consellería de Educación foron avisados. Educación di que Cualtis xa leva o servizo médico de prevención de riscos laborais contratados pola consellería.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/06/2020 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

O Sindicato de Traballadores do Ensino, STEGA, denuncia a privatización da elaboración dos protocolos de prevención do coronavirus para centros educativos. Esta privatización fíxose encomendando a elaboración de protocolos á empresa Cualtis, especializada en riscos laborais. Esta empresa nace da mutua Ibermutuamur, que realizaba revisións médicas en centros educativos. Por outra parte, desde STEGA tamén sinalan que a experiencia desta empresa non recolle auditorías en centros escolares.

Estudantes nunha aula.
Estudantes nunha aula.

“Os coñecementos desta empresa non se axustan ao mundo da educación” din desde STEGA. Proba disto para o sindicato é que desde a empresa, preguntouse aos equipos directivos dos centros, cales son as medidas contempladas para o curso que vén.

“Esas medidas ten que elaboralas e envialas a Consellería de Educación, ademais que non preguntaron por programas educativos”. O sindicato sinala que os métodos desta empresa non teñen en conta as necesidades dos alumnos. “Piden os planos dos centros para elaborar divisións neles, cando non é o mesmo un centro de educación especial que un instituto”.

A preocupación por parte de educadores é que as auditorías serán feitas por empresas sen experiencia no campo educativo. STEGA destaca ademais que ditas auditorías corresponderían á Consellería de Educación e que non entenden como se externalizou este servizo. Acusando de opacidade á administración galega coas contratacións.

RESPOSTA DE EDUCACIÓN

A Consellería de Educación respondeu a Galicia Confidencial que "non contratou a elaboración de ningún protocolo para o inicio de curso, nin plans para a división de aulas".

O departamento de Carmen Pomar declara que o  único que se encargou á empresa "Cualtis é a realización dun estudo sobre os fluxos de circulacion de alumnado en diferentes tipos de centros (lugares de entrada, saída e movemento dos centros por etapas educativas)". Isto no caso de ter que facer plans de contixencia e ter unha base previa de información.

En todo caso, Educación aclara  que Cualtis é a empresa que leva o servizo médico de prevención de riscos laborais contratados pola Consellería mediante concurso público. "O estudo de fluxos de circulación é unha prestación accesoria que se contrata por contrato menor" a esta empresa, pola súa experiencia en prevención de riscos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Luz

Nos institutos houbo xa clases presenciais dende finais de maio, avaliacións, claustros, e sen un protocolo específico por parte de educación. Non é irresponsable?

2 Manuel..

Unha empresa especializada na prevención de riscos fai un estudo de riscos. E logo que ía facer?.

1 Lalo

Privatiza, que algo queda...para o PP