A praia de Vilagarcía volve ser apta para o baño

As autoridades sanitarias dan por concluído o episodio que nos últimos días obrigou a desaconsellar o baño no principal areal vilagarcián.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2020 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

As augas da praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa, mantéñense a un nivel de "excelente" segundo os resultados das analíticas relativas á mostra tomada o domingo 21. Por tanto, as autoridades sanitarias dan por concluído o episodio que nos últimos días obrigou a desaconsellar o baño no principal areal vilagarcián por concentración microbiolóxica por encima do nivel permitido.

A contraanálise da mostra tomada domingo 21 certifica o bo estado das augas, con parámetros moi por baixo do máximo permitido, o que, segundo informou o goberno local, "corrobora o anómalo da situación detectada o pasado martes e o que demostra tratouse o dun feito puntual e pasaxeiro".

Como consecuencia dos novos datos, xa foron retirados os carteis nos que se informaba aos usuarios da situación da auga e os bañistas xa poden gozar "con total garantía e seguridade" dun baño na praia urbana de Vilagarcía, na que este verán ondeará a bandeira azul, segundo confirmaron este martes ao Concello por parte da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac).

Segundo indican por parte do concello vilagarcián, o responsable da organización independente que adxudica as bandeiras zzules, José Palacios, confirmou que un episodio puntual non pon en risco o galardón de calidade que concede a Adeac, polo que a bandeira azul ondeará este verán na praia de Compostela como estaba previsto.

CIRCUNSTANCIA PUNTUAL

A analítica recibida este martes é a correspondente á mostra tomada pola Dirección de Saúde Pública o domingo, 21 de xuño, para comparala cos datos obtidos da toma realizada o martes 16 (cinco días antes) e cuxos datos anómalos se coñeceron o xoves 18. Tras coñecer o resultado desa primeira analítica, o Concello de Vilagarcía adoptou de inmediato as pertinentes medidas de precaución desaconsellando o baño na zona.

No entanto, e dada a evolución da calidade das augas da Compostela nos últimos anos, con sucesivas analíticas que constataban unha cualificación de "excelente", solicitou unha segunda análise. "Sospeitabamos que a elevada concentración microbiolóxica fora algo puntual e pasaxeiro que puido ter a súa causa nunha vertedura desde terra ou desde o mar, ou mesmo nun erro", concluíu o grupo de goberno local.

Praia de Compostela, en Vilagarcía
Praia de Compostela, en Vilagarcía | Fonte: Luis Miguel Bugallo Sánchez - Wikimedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta