Temas: FRASEOLOXíA

Paremias e expresións galegas equivalentes á castelá “las prisas son malas consejeras” (2ª –e derradeira– parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 28/06/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Dámoslles cabo ás entregas nas que abordamos expresións que veñen a incidir na idea de que é mellor facer as cousas ó xeito e devagariño ca á présa de máis, xa que neste último caso é moi posible que non saian como desexariamos.

Sinal de tráfico a 130 quilómetros por hora, a velocidade que baralla subir o Goberno de Rajoy
Sinal de tráfico a 130 quilómetros por hora, a velocidade que baralla subir o Goberno de Rajoy | Fonte: sixblog.es

Las prisas son malas consejeras

Las prisas nunca fueron buenas

{= Expresións con que se dá a entender que é mellor actuar sen precipitación, con que se dá a entender que as cousas saen mellor facéndoas ó xeito e con tempo ca facéndoas á présa e atrapalladamente.}

As présas nunca foron boas # nunca son boas

As présas non son boas conselleiras

As présas son malas conselleiras

As présas non son boas

A gata, coas présas, pariu os fillos cegos

A gata, coas présas, pariu os gatos cegos

A gata, co apuro, trouxo os fillos cegos

Gatos fogosos crían fillos cegos

Ex.: Con tu currículum, y aunque sé que tienes muchas ganas de empezar a ganar dinero, no aceptes la primera oferta que te llegue sin más, que las prisas son malas consejeras.

Co teu currículo, e inda que sei que tes moitas ganas de comezar a gañar diñeiro, non aceptes a primeira oferta que che chegue sen máis, que as présas nunca foron boas que as présas non son boas conselleiras que a gata, coas présas, pariu os fillos cegos que a gata, coas présas, pariu os gatos cegos que a gata, co apuro, trouxo os fillos cegos que gatos fogosos crían fillos cegos.

● Tamén, en certos contextos, nunha liña moi semellante, e indicando moitas veces que vale máis o labor prudente e constante có moito afán e présa iniciais que logo cesan:

El mucho correr trae el poco andar && Quien mucho corre pronto se cansa # pronto para # pronto cae

Quen se apura, pouco dura && O moito correr trae o pouco andar && Quen moito corre pronto se cansa && Quen máis corre máis se cansa && Quen moito corre non chega a lonxe # nunca chega a lonxe # non vai (moi) lonxe # non vai para (moi) lonxe

● E igualmente en función dos contextos, podendo así mesmo dar a entender que as moitas présas non é raro que traian contratempos que retardan:

Quen moito corre non é quen máis pronto chega && Quen moito corre tarde chega && Quen moito corre logo cae # logo para # preto cae && Quen moito corre tropeza e cae && Os que corren moito acaban atrás

● Do mesmo xeito, facendo fincapé nesta idea xeral de que non é bo apurar de máis:

Amodiño, que a faldra é de liño && Amodiño chégase antes && Pouco a pouco chegaremos antes && Pouco a pouco chégase a todo && Quen teña apuro que vaia andando && Querendo gañar tempo pérdese tempo

● Mesmo tamén, máis ou menos empregables en función dos contextos, e seguindo esta mesma liña de pensamento que recomenda o non apresuramento e a non precipitación:

Tellado feito decontado non tarda en ser retellado && Anada á carreira non se pilla && A anada non se pilla á carreira

● Inda tamén, nalgún ca outro contexto:

La buena vida no quiere prisas

(A) Boa vida non quere présa

NOTAS:

1. A expresión pouco a pouco chégase a todo tamén é susceptible, contextualmente, de compartir espazos de uso coas equivalentes á paremia castelá un grano no hace granero, pero ayuda al compañero, que, como xa indicamos na anterior entrega, veremos no seu día.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aportazón ao refraneiro. Coleición de refrás recollidos da tradizón oral por Lois Carré (1898-1965)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 129-141. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez, Lois: “Refranero gallego. Colección hecha por el P. Gumersindo Placer López”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 143-171. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta