O historiador Núñez Seixas, sobre os ataques a estatuas: "Pagan xustos por pecadores"

Cre que son "un síntoma dun descontento social que busca golpear onde doe e na dimensión simbólica de moitas sociedades"

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 23/06/2020 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O historiador Xosé Manoel Núñez Seixas sinalou que "no proceso de furia e rabia contra o pasado colonial e europeizante pagan xustos por pecadores", en referencia ao ataque de estatuas e símbolos que se estendeu por varios países, entre eles Estados Unidos e España, por mor das protestas antirracistas que se desenvolveron en todo o mundo tras a morte de George Floyd.

Estatua de Colón en Trinidade e Tobago.
Estatua de Colón en Trinidade e Tobago.

Para o historiador, Premio Nacional de Ensaio 2019, os ataques contra estatuas son "un síntoma dun descontento social que busca golpear onde doe e na dimensión simbólica de moitas sociedades", aínda que sinalou que "desde o punto de vista conmemorativo cada sociedade establece os seus patróns e decide que lembra e que esquece".

"As protestas contra a discriminación racial en Estados Unidos, polos feitos que sucederon pola brutalidade policial, agora atopan unha area ou un escenario de confrontación simbólica na negación de moitos dos pais fundadores dos países americanos, no recordo dos cadáveres que foron ocultos no armario, e moitos heroes que considerabamos que dalgunha maneira fixeran unha contribución positiva á sociedade tamén tiñan unha cara oculta que era a de colonialistas", dixo en declaracións a Europa Press.

En calquera caso, sinalou que hai que distinguir a "dimensión conmemorativa" e a "historiográfica". Neste sentido, indicou que desde a perspectiva dun historiador non se pode aplicar "de maneira indiscriminada ao pasado remoto os parámetros normativos, culturais e morais da época actual porque non quedaría monicreque con cabeza". "Colón era esclavista como o era o 99,5 por cento dos europeos naquel momento", apuntou.

Nesta liña, aínda que considera que é "un pouco absurdo revisar con categorías do presente aqueles feitos" ou "xulgalos moralmente", indicou que outra cousa é que "ese tipo de protestas sirvan para pór sobre o tapete cuestións que non se teñen en conta, como a existencia de escravos en moitas desas novas colonias; o uso do traballo forzado; o sufrimento que supuxo a expansión de Europa por outros continentes; ou a esclavización de pobos enteiros. "Non é que fosen holocaustos no sentido do século XX pero si foron consecuencia da globalización", indicou.

En canto a frei Junípero Serra, sinalou que en California as misións fundacionais "son todo un símbolo", tal e como el mesmo comprobou tras vivir un tempo alí, e se senten "orgullosos de ter ese pasado hispánico independente da colonización británica do leste". "É certo que como relixiosos están imbuídos a outra ética, que non deron paso ao tráfico de escravos, pero é certo que tamén foron colonizadores do século XVIII, non do XVI, e xa se pon en cuestión a moralidade da trata de escravos", dixo.

Ao seu xuízo, a proposta de agora da alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, de contextualizar a estatua de Colón e explicar por que se conmemora a Colón e por que se elixiu esa estatua, e cales as características da aventura de Colón é "unha boa solución". "Se os monumentos non teñen interacción co espazo social e se non son espazos de recordo que evoquen significados de maneira renovada, acábanse morrendo", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta