A D.O. Valdeorras tampouco terá Feira do Viño este ano

Outra D.O. galega que queda sen o seu principal escaparate este ano por mor da Covid19. O Pleno do Consello Regulador decidiu reconverter o evento anual que se vén celebrando a principios de xullo nun acto no que se poñerá en valor o sector vitivinícola na comarca.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 25/06/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Aínda que se apurou a decisión valorando todas as posibilidades, o Pleno do Consello Regulador optou por non organizar a que sería a XXIII edición da Feira do Viño de Valdeorras "ante a situación de incerteza sanitaria provocada pola Covid-19”. Así o destacou o presidente do organismo, José Luis García Pando, ao termo do Pleno celebrado o pasado 22 de xuño.

Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras o pasado 22 de xuño. Fonte: Prensa CRDOV
Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras o pasado 22 de xuño. Fonte: Prensa CRDOV

A falta do evento clásico cos postos expositores das adegas participantes dará este ano total protagonismo á tradicional Cata dos Viños de Valdeorras, actividade que ía parella á celebración da Feira. Nesta edición, a cata abrirase a todas as adegas da comarca e cara finais de xullo promoverase un acto público de entrega de premios aos mellores brancos e tintos.

Trátase, en palabras de García Pando, “dun acto que, ademais, pretende por en valor o traballo dos viticultores e adegueiros da comarca, que seguiron traballando día a día durante a pandemia por ser parte dun sector considerado esencial e que se celebrará tendo en conta todas as medidas preventivas e de distanciamento social preceptivas”.

Contas e adhesión á Asociación dos Consellos Reguladores Galegos

Ademais do tema indicado, o Pleno do organismo aprobou, de xeito provisional, as contas do organismo para 2020, fixadas por riba de 460.000 euros. Ata unha terceira parte do orzamento aprobado destinarase a accións promocionais. Se ben, tal e como sinalou o presidente do Consello Regulador, as cifras poderían variar en función de se os ingresos do organismo se ven afectados pola situación orixinada pola Covid-19.

Finalmente, na xuntanza deuse tamén o visto bo á integración do CRDO Valdeorras na Asociación dos Consellos Reguladores Galegos, promovida pola Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta