Asociacións sectoriais reciben apoio da Deputación de Pontevedra para a formación contra o cambio climático

Con estes proxectos, que se desenvolverán ao longo de 2020, organizaranse talleres en centros escolares da provincia para concienciar ao alumnado sobre o cambio climático e o papel dos bosques.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2020 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra colaborará coa Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), a Federación Galega de Medio Ambiente (Fegama) e a asociación Ventonoso para impulsar talleres en centros escolares e formar ao sector agrogandeiro, co fin de aumentar a concienciación sobre a protección da contorna e a loita contra o cambio climático.

A presidenta de ente provincial, Carmela Silva, asinou hoxe tres convenios de colaboración coas asociacións, cuns fondos de case 113.000 euros. Os acordos, dixo, son "iniciativas potentes" que favorecen o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a Axenda 2030. Entre as metas está lograr que o sector primario "camiñe cara á transición ecolóxica", afirmou.

Con estes proxectos, que se desenvolverán ao longo de 2020, organizaranse talleres en centros escolares da provincia para concienciar ao alumnado sobre o cambio climático e o papel dos bosques, así como cursos de formación dirixidos ás explotacións agrogandeiras da provincia para o emprego de fontes de enerxía alternativa.

A presidenta valorou a aposta por traballar directamente cos centros educativos e os mozos, unha idea con "moito poder" para, á súa vez, "cambiar ás familias". No caso concreto de Asefoga, destacou o seu presidente, Jacobo Feijóo, organizaranse 14 talleres con material didáctico para "completar o currículo cunha visión fresca e directa do sector forestal de Galicia".

A Deputación de Pontevedra tamén traballará cos centros educativos da man de Fegama, tal e como explicou a súa directora técnica, Carmela Cañedo, que concretou que desenvolverán accións en 14 centros escolares.

Por último, sobre o convenio con Ventonoso, a súa directora técnica, Patricia Sánchez, subliñou que o obxectivo é acelerar a transición ecolóxica no sector agrogandeiro, coa aposta por enerxías renovables e a formación nesta materia. Ofreceranse cursos en liña e en modalidade mixta, indicou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Arquivo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta