María Reimóndez gaña o Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade na súa primeira edición

O xurado do XXIV Premio Internacional Grupo Compostela - Xunta de Galicia, reunido o pasado martes telematicamente, decidiu outorgar o galardón ao músico e musicólogo Carlos Villanueva Abelairas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2020 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A escritora María Reimóndez é a autora galardoada na primeira edición do Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade, convocado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa editorial Xerais, pola súa obra Cobiza.

O traballo galardoado desta escritora lucense afincada en Vigo é unha novela distópica do xénero de ciencia ficción, da que o xurado destacou "a súa altísima calidade literaria e a nova e revolucionaria reflexión sobre a construción do sexo e o xénero, as identidades e as orientacións sexuais, así como unha profunda mirada feminista e ecoloxista" na reflexión sobre o futuro do planeta tras a crise por mor da COVID-19.

María Reimóndez é tradutora e intérprete de profesión. Ten unha extensa obra en narrativa, poesía, tradución e ensaio e aborda nas súas obras a visibilización da diversidade sexual.

A presentación da peza gañadora desta primeira edición do premio tivo lugar este xoves na praza de España, nun acto no que participaron a propia Reimóndez, a concelleira de Igualdade, Pomba Castro, e a docente Ana Ojea, coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia e membro do xurado.

Ojea destacou a "alta calidade das obras presentadas a este pioneiro certame", un total de 24 traballos de poesía, teatro e narrativa adulta e infanto-xuvenil.

O xurado reuniuse o pasado luns 22 en Pontevedra para valorar as obras entregadas e dirimir o nome da gañadora. Ademais de Ana Ojea, formaron parte do xurado a coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES), Ada Otero, en representación da Concellaría de Igualdade do Concello de Pontevedra; a tamén docente Anxos Rial, profesora do IES Sánchez Cantón e coordinadora de clubs de lectura xuvenís, e a escritora Eva Mejuto, coordinadora do programa municipal pola diversidade Pinto e Maragota.

Ademais de votar por maioría a obra presentada por Reimóndez, os membros do xurado tamén resaltaron "a calidade e interese" de dúas obras: o poemario que se presentou co título de Contra natura e a obra xuvenil As sentinelas do silencio.

A concelleira de Igualdade lembrou que o Premio Pinto e Maragota, é "o primeiro certame literario galego que se centra no ámbito LGTBIQ" e que está dotado dun único galardón cunha asignación económica de 3.000 euros.

O traballo premiado será publicado por Edicións Xerais de Galicia, que asinará con María Reimóndez un contrato de edición nas condicións habituais. A autora mostrouse "orgullosa" de "ser recoñecida entre as iguais". "Son unha persoa cunha traxectoria e sempre é un desafío enviar unha novela anónima con este tipo de contidos, que máis que tratar unha temática, expoñen unha mirada ou perspectiva", manifestou.

Reimóndez defendeu que este tipo de iniciativas son unha oportunidade para reivindicar e lembrar que, para autoras non heterosexuais como ela, existen "moita oposición e moita violencia por parte da crítica" cando presentan as súas obras.

María Reimóndez
María Reimóndez | Fonte: mariareimondez.com

PREMIO INTERNACIONAL GRUPO COMPOSTELA

O xurado do XXIV Premio Internacional Grupo Compostela - Xunta de Galicia, reunido o pasado martes telematicamente, decidiu outorgar o galardón ao músico e musicólogo Carlos Villanueva Abelairas, pola súa "prolífica traxectoria no estudo da cultura xacobea e da música vinculada ao Camiño de Santiago", así como a súa contribución no proxecto de construción dos instrumentos do Pórtico da Gloria.

Tras coñecer o galardón, o premiado explicou que, como catedrático de Música da Universidade de Santiago e cunha liña de investigación "afín aos obxectivos do Grupo Compostela de Universidades", en 2021 tratará de "estender por algunha de lasuniversidades asociadas o interese pola música no Camiño de Santiago e os instrumentos vinculados á peregrinación".

A cerimonia de entrega do galardón será igualmente telemática e está prevista para o 21 de setembro, no marco da XXVI Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades, que este ano organizará a Universidade do Minho (Portugal). Nesta cerimonia entregaráselle unha cuncha de ouro e un premio en metálico de 6.000 euros brutos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lorcho e lura

"Neste premio literario non se valorará… a literatura" https://biosbardia.wordpress.com/20...