A sanidade privada pide compensacións ante o "risco de quebra financeira"

Lamentan que a Xunta e o Goberno central "deriven a responsabilidade duns a outros" e "non resolvan os problemas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2020 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

A Alianza da Sanidade Privada Española (ASPE) realizou un estudo, baseado en cinco centros privados galegos, que conclúe que recibiron en Galicia ao nove por cento dos pacientes hospitalizados por COVID-19 e ao sete por cento dos ingresados en UCI. Agora pide ao Goberno central axudas e "compensacións para paliar a deterioración económica causada pola actividade de servizo asistencial".

Nun comunicado, a alianza, que agrupa máis de 1.300 entidades sanitarias e ao 80 por cento dos centros privados en España, destaca os efectos de ser considerados un sector esencial que non puido aplicar medidas de "reorganización laboral".

Os hospitais galegos do estudo fixeron investimentos relacionados coa COVID-19 de 435.000 euros e cancelaron e atrasaron investimentos por valor de 6,5 millóns. Para comprar material sanitario destinaron un 39 por cento máis que en todo 2019, destacou a asociación, que trasladou a súa preocupación polo "risco de quebra asistencial e financeira".

Na nota critica o "abandono" do Goberno a un sector que dá emprego a 266.000 persoas. O perigo, di, "agudizouse" co fin do estado de alarma e maniféstase na "suspensión de pagos, concursos e peches de pequenos centros sanitarios".

A situación é "extrema" nalgúns casos, nos que as instalacións estiveron "abertas como actividade esencial, sen pacientes polo confinamento, cunha caída abismal de ingresos e sen medidas de reorganización laboral". Estes centros teñen agora, calculan, un terzo das consultas habituais.

Ademais, ASPE e a Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal) lamentaron que a Xunta e o Goberno central "deriven a responsabilidade duns a outros" e non resolvan os problemas expostos.

Coas medidas do Sergas de suspender a actividade non urxente, caeron un 82 por cento as intervencións cirúrxicas; un 77 por cento as probas diagnósticas; e un 75 por cento as urxencias. "A pesar das dificultades expresadas, o cento por cento dos centros contrataron novos profesionais durante a crise", destacaron.

HM Modelo. HM HOSPITAIS - Arquivo
HM Modelo. HM HOSPITAIS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta