Caballero pide o voto aos que apoiaron ao PSOE nas eleccións do ano pasado: "Temos forza para gañar"

O socialista estivo na tradicional pegada de carteis que celebrou o PSdeG en Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/06/2020 | Actualizada ás 00:10

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, solicitou o voto por primeira vez nesta campaña electoral a todos os que apoiaron aos socialistas nas distintas citas electorais do ano pasado, cando o seu partido logrou vencer por primeira vez o PP en Galicia.

"Temos a forza para gañar e gobernar Galicia", proclamou na tradicional pegada de carteis que esta medianoite celebrou o PSdeG en Santiago de Compostela, xunto co alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e o número dous da candidatura socialista pola provincia da Coruña, Noa Díaz.

Caballero convidou o electorado galego a poñer un presidente socialista á fronte da Xunta "para construír o progreso e dar un futuro de oportunidades a Galicia". "O próximo 12 de xullo xogámonos o futuro de Galicia entre o PP e un PSdeG que vai liderar a maioría de progreso que necesitamos en Galicia", proclamou.

Na súa opinión, é necesario "pasar páxina ao proxecto esgotado" de Alberto Núñez Feijóo, que "non achega nada positivo para Galicia neste momento". Ademais, referiuse á crise do coronavirus e alertou de que a "reconstrución" de Galicia non pode facerse novamente "con recortes, retrocesos en dereitos, privatizacións e supresión de servizos públicos".

Antes da pegada, Caballero participou nun acto previo en Vigo en compañía do alcalde, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o delegado da Zona Franca, David Regades.

Gonzalo Caballero nun acto previo á pegada de carteis para o 12J. PSDEG
Gonzalo Caballero nun acto previo á pegada de carteis para o 12J. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta