A Xunta licita por 1,17 millóns a explotación da nova estación intermodal de Ourense

Ethel Vázquez explica que "Adif non trasladou aínda información oficial nin certeira sobre a parte ferroviaria".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2020 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

A Xunta sacou a licitación este venres o contrato de xestión para a explotación da nova terminal de autobuses da estación intermodal de Ourense, por un valor estimado de 1,17 millóns de euros e por un período de cinco anos.

Así o informou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante a súa visita a Ourense para comprobar o "correcto funcionamento" do cartón 'Xente Nova' que permite aos menores de 21 anos viaxar gratis nos autobuses da Xunta por toda a provincia.

O contrato de concesión licitado este venres inclúe a xestión do servizo público correspondente á nova terminal de autobuses, a xestión e explotación dos locais e servizos complementarios, das zonas comúns da terminal e tamén a explotación publicitaria.

"Este novo paso administrativo supón avanzar no procedemento para trasladar os servizos e a actividade da actual terminal de autobuses do Pino cara ao novo complexo intermodal no barrio da Ponte", manifestou Ethel Vázquez.

Neste contexto, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade explicou que "neste momento están en proceso de contratación as obras de demolición da actual estación de autobuses, que se iniciarán cando termine a construción da nova estación de autobuses integrada na terminal do AVE".

O prazo para que as empresas interesadas neste contrato de servizos presenten as súas ofertas permanecerá aberto ata o día 23 de xullo. "O obxectivo é que a adxudicataria se encargue da explotación da terminal da Ponte a partir de comezos de outono", explicou Ethel Vázquez.

Segundo indicou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, estímase que "a nova terminal de autobuses acollerá ao redor de 79.000 expedicións ao ano, o que supón un incremento de máis do 21%, e preto de 400.000 viaxeiros, un 12% máis".

Ademais, por parte da Xunta de Galicia esperan que a nova terminal de autobuses "ofreza máis e mellores servizos aos cidadáns" dado que "contará cun sistema para rexistrar todos os datos de actividade que permitirá, por exemplo, informar os pasaxeiros do tempo estimado de chegada ou saída de cada un dos servizos".

DÚBIDAS NA PARTE FERROVIARIA

Respecto ao avance das obras da estación intermodal de Ourense, Ethel Vázquez sinalou que "a parte que lle corresponde á Xunta de Galicia, en concreto a terminal de autobuses e o aparcadoiro, ten proxecto, planificación e concreción".

No entanto, "o que falta e falla" é o resto da parte ferroviaria da que "nada se sabe", segundo indicou a titular de Infraestruturas e Mobilidade.

"Por parte de Adif e o Ministerio de Fomento non se nos trasladou información oficial nin certeira sobre o resto dos elementos que son importantes para que Ourense sexa a gran porta de entrada do AVE a Galicia", incidiu Ethel Vázquez que tamén pediu "concreción sobre os prazos".

Feijóo e Ethel Vázquez nunha reunión telemática. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo e Ethel Vázquez nunha reunión telemática. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta