A Xunta comeza a apertura de albergues do Camiño a partir do 1 de xullo

Os establecementos da rede pública poderán ocuparse ao 50%, mentres que para os privados permitirase ata o 75%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/06/2020 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

A rede pública de albergues do Camiño de Santiago ultima os seus preparativos para iniciar a reapertura gradual a partir do 1 de xullo, data na que tamén abrirán a Catedral de Santiago e o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, un proceso que, explicou a Xunta, "iniciarase cos albergues máis necesarios", é dicir, aqueles que supoñen máis do 50% do total de prazas de aloxamento en albergues en cada municipio.

Con iso, a previsión é que un mínimo de 28 albergues da rede pública estean en servizo desde a primeira xornada (18 de xestión autonómica, oito de xestión municipal e dúas a cargo de asociacións), aos que se irán sumando novas aperturas progresivamente en función da demanda e da oferta.

A previsión é que os primeiros albergues en abrir sexan os da Gudiña, Begonte, Betanzos, Boimorto, Carral, Castroverde, Lalín, Laza, Mesía, Miño, Monterroso, Mos, Neda, Ordes, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Samos, San Cristovo de Cea, Sandiás, Teo, Trasmiras, Valga, Vedra, Verín, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Así mesmo, a Xunta estará en contacto cos concellos para que, se se detecta unha necesidade, se activen para prestar servizo novos aloxamentos, posto que "todos estarán listos e en disposición de facelo desde o propio 1 de xullo". En calquera caso, a previsión é que o 1 de setembro todos os albergues estean xa operativos.

A maiores, e coa intención de que os establecementos privados tamén se reactiven, os albergues públicos manterán unha capacidade máxima do 50%, mentres que no resto de albergues permitirase incrementar a porcentaxe ata o 75%.

ENCONTROS PREPARATORIOS

Un equipo técnico da Consellería de Cultura que coordina o proceso mantivo estes días reunións cos 17 concellos que xestionan albergues integrados na rede autonómica. Todos eles contan co soporte da Xunta para establecer medidas de prevención sanitarias.

En concreto, o Goberno galego está a encargarse de inutilizar as prazas que non serán ocupadas, así como de prover cartelaría, sinalización, biombos, máscaras para os traballadores, xeles e solucións desinfectantes, dispensadores, papeleiras de pedal, luvas ou bolsas aos establecementos.

Con esta mesma finalidade, os albergues privados, "cos que o Executivo autonómico ten aberta unha vía de diálogo", explica, "dispoñen dunha liña de axudas para o sector turístico, dotada con 5,9 millóns de euros", que financia a adquisición de material de protección e facilita a adaptación dos negocios aos requirimentos de seguridade hixiénico-sanitaria contra a COVID-19.

Albergue. AYUNTAMIENTO
Albergue. AYUNTAMIENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta