Temas: MARISCOS PESCA BNG

O BNG pide que se permita a inmersión en apnea para o marisqueo

O BNG reclama iniciar os trámites para transferir a Galicia as competencias en materia de regulación das condicións de seguridade nas actividades de mergullo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2020 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou unha proposición non de lei para reformar o real decreto que regula as condicións de seguridade que se esixen nas actividades de mergullo para pedir que se permita que os mariscadores poidan seguir extraendo produtos utilizando a técnica da inmersión en apnea (a pulmón).

A formación nacionalista solicita que se introduza unha excepción á prohibición do mergullo en apnea para o marisqueo extractivo, en concreto de moluscos como a navalla ou o 'longueirón'. Trátase, argumenta o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, de "unha actividade marisqueira singular da que viven moitas familias da Costa da Morte".

Ao seu xuízo, a nova norma introduce "varias cuestións que mostran o descoñecemento do marisqueo na costa galega", posto que a modalidade da apnea é a que se emprega maioritariamente en varias zonas para determinadas especies.

Rego lembrou que a actividade está consolidada desde que, no ano 1983, a Consellería de Pesca regulou por primeira vez a captura da navalla e o 'longueirón' e que prohibila terá un impacto negativo nas familias que viven da mesma.

A maneira de mellorar a seguridade destes profesionais, agregou o deputado do BNG, é "aplicando unha revisión dos coeficientes reductores de xubilación" para que traballen "nas mellores condicións físicas" e retírense a unha idade "que dignifique o duro traballo ao que se expoñen".

Ademais, Rego sinalou que a normativa non ten en conta as peculiaridades dos plans aprobados pola Consellería do Mar e pide que estes sexan "o punto de partida para elaborar as medidas de seguridade". É a Xunta, reivindicou, a que planifica a extracción porque é a administración competente para facer seguimento e aplicar os criterios regulados.

Por este motivo, o BNG reclama iniciar os trámites para transferir a Galicia as competencias en materia de regulación das condicións de seguridade nas actividades de mergullo.

O deputado do BNG Néstor Rego nunha das súas intervencións no Congreso. Pool - Arquivo
O deputado do BNG Néstor Rego nunha das súas intervencións no Congreso. Pool - Arquivo | Fonte: Europa Press

Temas: MARISCOS PESCA BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta