Un milleiro de persoas reclama en Santiago "estabilidade laboral" para ter unha sanidade pública "de calidade"

A manifestación percorreu a capital galega para pedir que "os aplausos das 8 se convertan en melloras laborais".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/06/2020 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

Un milleiro de persoas percorreu as rúas de Santiago nunha desapracible mañá de sábado para reclamar "estabilidade laboral" na sanidade pública porque "coa saúde non se xoga". Convocados por diferentes colectivos de profesionais sanitarios e plataformas en defensa da sanidade pública, a manifestación partiu pasadas as 12,00 horas da mañá deste sábado para rematar unha hora despois na Praza da Quintana.

Manifestación en Santiago para reclamar estabilidade laboral no Sergas
Manifestación en Santiago para reclamar estabilidade laboral no Sergas | Fonte: Europa Press

"Onde están os aplausos, os aplausos onde están?", corearon os manifestantes á súa chegada á praza do centro histórico compostelán, onde portavoces de colectivos de facultativos, enfermeiros, celadores e outros profesionais leron un manifesto conxunto no que proclamaron a apertura dunha "etapa de unidade de todo o persoal do Sergas para facer cumprir aos gobernos" coa sanidade pública.

"Non existe unha sanidade pública de calidade sen estabilidade laboral", sentenciaron os convocantes ao termo da manifestación, que congregou a un milleiro de persoas, incluídos representantes de BNG, Galicia en Común-Anova Mareas e o tres sindicatos maioritarios, CIG, CC.OO. e UGT..

Tras unha marcha que transcorreu polo Ensanche compostelán e parte da zona vella baixo cánticos como "a Xunta de Galicia recorta e privatiza" ou "non somos números, somos persoas", os manifestantes esixiron aos gobernos e partidos "respecto" para os profesionais e que deixen ao carón as súas "campañas políticas de palabras baleiras" para apostar decididamente pola sanidade pública "pondo fin á precaridade e a inestabilidade laboral" dos traballadores.

Entre os 'deberes' postos a Xunta e Goberno central están a elimininación da "letal" taxa de reposición, o fin da "precariedade" e a contratación eventual e terminar coa concepción da sanidade pública "como un negocio" para "favorecer" intereses privados.

Tamén a elaboración dun plan de emprego que dea cobertura "ao cento por cento" das prazas vacantes no Sergas, a cuxos dirixentes demandan "transparencia" sobre os procesos de contratación e que elaboren cadros de persoal "suficientes" para os servizos sanitarios de Galicia.

ENFERMEIRAS E CELADORAS

Entre os colectivos que participaron este sábado na manifestación figuraron a plataforma Enfermeiras Eventuais en Loita e Grupo de Celadores Galegos, que denunciaron a concatenación de "ata 500 contratos ao ano" na sanidade pública galega.

"É imposible traballar así. Vinme moitas veces obrigada a darme de baixa nas listas", sinalou a enfermeira Silvana Muñoz en declaracións aos medios antes do arranque da marcha.

Esta enfermeira, membro do colectivo de Eventuais en Loita, puxo o foco en que a sanidade "está feminizada" polo que as profesionais se ven "obrigadas a ir traballar pensando sempre no que deixan en casa". "Non nos podemos ir e pechar a porta", apostilou.

Un dos problemas aos que, segundo denunciou, deben facer fronte é a concatenación de contratos. "Entedemos que a eventualidade ten que existir, pero non nun 40 por cento como se nos está obrigando a traballar. Síntome afortunada porque teño máis de 200 contratos, hai xente con 500 ao ano, con 30 contratos ao mes", incidiu Silvana Muñoz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta