"Feijóo presentou de forma electoralista o plan de saúde mental con carencias estruturais"

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) critica que "isto non se arranxa" coa "telepsiquiatría", senón que debe haber unha "accesibilidade real" a profesionais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2020 | Actualizada ás 11:12

Comparte esta noticia

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) afeou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que presente de forma "electoralista" o plan galego de saúde mental "só unhas horas antes de iniciarse a campaña electoral" a pesar de ser unha necesidade demandada con urxencia "desde hai anos".

Nun comunicado, este movemento cívico, que agrupa a distintas entidades --cuxa declaración fundacional foi asinada por máis de 400 profesionais da saúde mental--, critica que o plan ten "profundas carencias estruturais".

Tras lembrar que a saúde mental ocupa "un lugar de marxinación" no Sergas, mostra o seu "escepticismo" co plan, "cando non desde o enfado como pasou co anuncio do bono de 250 euros para sanitarios", xa que "aínda non está publicado".

Así mesmo, reprocha a "grandilocuencia" de Feijóo ao falar "do maior plan da saúde mental" no Sergas, pois "o incremento das dotacións profesionais que anuncian neste novo plan están na metade das recomendadas hai máis de 20 anos".

Con todo, espera que este plan sirva para que "non haxa que saír ás rúas para denunciar que existen a día de hoxe cuartos de contención mecánica" nin "vulneración" dos pacientes ingresados no hospital psiquiátrico. Neste sentido, o Movemento Galego da Saúde Mental cre "imprescindible" que calquera plan recolla as condicións que causan desigualdades como a pobreza económica, a violencia ou as desigualdades de xénero.

Así mesmo, deixa claro que é prioritario reforzar a atención neste contexto de pandemia do coronavirus "polos efectos directos na saúde e as repercusións socioeconómicas que trae consigo". Por iso, "isto non se arranxa" coa "telepsiquiatría", senón que debe haber unha "accesibilidade real" a profesionais.

Acto polo día da prevención do suicidio 10 de setembro do 2018 | Movemento Galego da Saúde Mental
Acto polo día da prevención do suicidio 10 de setembro do 2018 | Movemento Galego da Saúde Mental

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta