Nova protesta dos técnicos antiincendios da Xunta reclamando un novo acordo laboral

Tamén se pide eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito, diminuír a interinidade --que é do 50%--, unido a regular a segunda actividade e coeficiente reductor para os maiores de 60 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

Técnicos forestais do servizo de prevención de incendios da Xunta volvéronse a concentrar este luns ante a Consellería de Medio Rural, en Santiago de Compostela, para reclamar un novo acordo de condicións de traballo que actualice o "desfasado" de 2008.

"Parece incrible pero estamos a dous días da campaña e non temos un acordo nin sabemos como imos traballar", queixouse Ramón Rozadillas (UGT) en declaracións aos medios ante de que o 1 de xullo comece o período de alto risco de incendios.

Enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes, que traballan en tarefas esenciais de coordinación e xestión de incendios, protestaron --convocados por UGT, CIG, CC.OO. e CSIF-- cunha pancarta na que se podía ler 'Negociación acordo técnicos forestais dá Xunta xa'.

Así, José Manuel Zapata (CC.OO.), técnico de distrito, lamenta que hai un acordo desde 2008 "completamente desfasado" que "non responde as necesidades de servizo público" e que "non respecta á lexislación europea en canto a horas", xa que se realizan "500 horas máis" respecto doutros traballadores públicos.

Tamén censura Zapata que aínda fan gardas de 24 horas, que "hoxe en día xa non está permitido pola lexislación". Así, demandan un incremento no cadro de persoal, que é de 123 técnicos, pois "leva 20 anos sen actualizarse", en dúas décadas nas que o seu traballo se multiplicou " exponencialmente".

"Seguimos sen ter claro cal vai ser nosa organización", explica Xabier Bruña (CIG) a dous días do inicio do alto risco. Unha cuestión que ve prioritaria para que a coordinación "sexa efectiva" en Galicia, que padece "o 40% dos incendios forestais de toda España e que son o 10% de toda Europa".

A  XUNTA SÓ OFRECE "MIGALLAS"

Zapata (CC.OO.) recrimina que a Consellería de Medio Rural "non ten intención ningunha de negociación", pois "foi dilatando no tempo" as reunións e en cada encontro só ofrece "migallas" e "non facer un acordo novo de maneira integral".

A continuación, lembra que cando se reuniron en agosto de 2019 na mesa de negociación, a Xunta "quedou en mandar unha proposta antes de finalizar o ano 2019", pero aínda "non foron capaces de dicir como queren organizar o servizo público", o que considera "terrible".

Xabier Bruña (CIG) lamenta que a Xunta "quedou" o pasado venres nun encontro telemático "en mandar unha proposta por escrito", pero ao mediodía deste luns aínda non recibiran "nada" para coñecer por onde pode pasar ese novo acordo.

"IMOS ESTAR LOITANDO TODO O VERÁN"

"Imos estar loitando todo o verán", deixa claro Ramón Rozadillas (UGT). Censura que a Xunta "montou dúas direccións xerais" e "aumentaron máis dun 20% os xefes de servizo", pero os técnicos que "xestionan o monte" son "moi poucos". "E xa a xente está moi mal", avisa.

Sinala que os profesionais de máis de 60 anos queren "descanso" co paso a segunda actividade, porque "xa non se pode aguantar". Recrimina que a Xunta "sexa incapaz de dar unha resposta en 15 meses", pois a postura do Goberno galego "foi unha vergoña" no último encontro telemático.

REIVINDICACIÓNS

Entre outras cuestións, demandan: un novo acordo que dea solucións para aumentar o cadro de persoal e garantir os descansos legais; a redución das 2.000 horas anuais --superan en máis de 500 horas ao resto de empregados públicos; regulación do traballo en fin de semana, festivos, gardas e descansos; así como garantir 15 días de vacacións no verán.

Tamén se pide eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito, diminuír a interinidade --que é do 50%--, unido a regular a segunda actividade e coeficiente reductor para os maiores de 60 anos.

Técnicos forestais protestan ante a Xunta
Técnicos forestais protestan ante a Xunta | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta