Preocupación en Santiago polo aumento do consumo de heroína

Os delitos baixaron na cidade case un 35% no primeiros seis meses do ano a consecuencia do confinamento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/06/2020 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

Os delitos baixaron en Santiago durante os seis primeiros meses do ano en case un 34,61% como consecuencia do período de confinamento nos meses de marzo, abril e maio --en total, segundo o rexedor, Xosé Sánchez Bugallo, houbo 671 menos-- e a capital galega é, en palabras da subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, "unha cidade segura".

Papelina de heroína.
Papelina de heroína.

"Santiago é unha cidade segura que paga a pena volver visitar", proclamou a subdelegada tras a reunión da xunta local de seguridade, que tería que ter lugar en marzo, pero foi aprazada debido á pandemia. López-Rioboo salientou a coordinación entre as distintas forzas e corpos de seguridade que traballan na capital galega.

Pese ao descenso xeneralizado dos delitos, o rexedor expresou a súa preocupación pola subida continuada nos últimos anos das denuncias vinculadas ás compras a través de internet. Por iso, fixo unha petición á poboación a actuar con precaución e extremar o coidado dos seus datos persoais e bancarios.

Tamén se fixo eco da preocupación cidadá polo aumento do consumo de heroína, unha cuestión "global", pero que se traduce en problemáticas concretas na cidade como a localización de xiringas. Bugallo subliñou que a Policía investiga para desmantelar os puntos de venda e trabállase con maior intensidade na limpeza.

O alcalde subliñou que a venda e consumo de drogas está ligada tamén "en moitos casos á ocupación ilegal de vivendas", aínda que a cuestión "excede" as competencias da xunta local de seguridade, pois "deriva do propio marco legal", que ás veces supón "unha demora de meses ou anos" nas actuacións.

NOVO COMISARIO

Finalmente, preguntada, tras o cesamento por xubilación do comisario da Policía Nacional en Santiago, Félix García, acerca de cando terá a capital galega este cargo cuberto, a subdelegada asegurou que "moi pronto" haberá "novo comisario ou nova comisaria".

"Esperemos que para as festas", resolveu, en alusión á celebración do Apóstolo, que ten o seu día grande o 25 de xullo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta