A campaña dos “sen nome”: 15 organizacións piden ante a Valedora igualdade nos medios públicos

Entre elas están PACMA, Recortes Cero, Espazo Común, Os Verdes, Veciños Municipalistas, Por Un Mundo Máis Xusto ou Escanos en Branco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2020 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

Un total de 15 organizacións políticas entregaron ante a Valedora do Pobo un manifesto no que reclaman o dereito da cidadanía a coñecer todas as opcións para ás eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo e piden "igualdade" nos medios públicos.

Diso informou a coalición Recortes Cero - Espazo Común - Os Verdes nun comunicado, no que detalla que entre as formacións atópase unha parte importante das non parlamentarias que se presentan a estes comicios.

Así, trátase de PACMA, Recortes Cero, Espazo Común, Os Verdes, Veciños Municipalistas, Por Un Mundo Máis Xusto, Escanos en Branco, Coalición de Centro Democrático - Autónomos, UPyD, a coalición Unidos polo Futuro e Contigo Somos Democracia. Ademais doutras entidades como Somos Ribadumia, Long Hope ou SAIn que non se presentan.

O texto asegura que nestas eleccións Galicia pode ser un exemplo de democracia, pluralidade e transparencia. "As candidaturas que na actualidade non están no Parlamento, non van dispor, en condicións de normalidade, das súas principais ferramentas para chegar ao electorado", sinalan para chamar a defender o dereito a coñecer directamente as propostas das diferentes candidaturas.

Deste xeito, piden proporcionalidade, igualdade e neutralidade informativa, para que o acceso aos programas electorais non se vexa limitado. Ademais, reclaman a defensa das garantías constitucionais na campaña, tratando a todas as candidaturas, non por igual, senón "en atención ás circunstancias e necesidades particulares, co fin de que poidan acceder ás mesmas metas que o resto".

Tamén apelan a que non se lle esixa ao electorado que polos seus propios medios busquen cales son os programas electorais das candidaturas, senón que se lles faciliten. Por iso, esixen unha distribución do tempo "igualitaria, proporcional e compensatoria nos medios de comunicación", tanto na cobertura, como nos debates e entrevistas.

Para iso, anuncian que promoverán todas as iniciativas necesarias para asegurar unhas eleccións democráticas e que Galicia se converta nun exemplo, e chaman a todas as entidades, institucións e organizacións que compartan estes principios para sumarse ao manifesto. "Supón un precedente que nos pode facer gañar en democracia, e iso é bo para toda a sociedade", indican.

Unhas 15 organizacións entregan un manifesto ante a Valedora para reclamar igualdade nos medios durante a campaña. REMITIDA ORGANIZACIÓNS
Unhas 15 organizacións entregan un manifesto ante a Valedora para reclamar igualdade nos medios durante a campaña. REMITIDA ORGANIZACIÓNS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta