Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2020 | Actualizada ás 09:30
11:30 da mañá. É a hora á que este martes 30 soará o himno oficial da provincia de Ourense dende a torre da Catedral de San Martiño, situada no casco vello cidade auriense. A intepretación, que corre a cargo do fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero, pretende ser a primeira de 365 que se estenderán, segundo está previsto, ata a fin de xuño de 2021.
O obxectivo da iniciativa, impulsada pola Deputación Provincial, é render homenaxe ás vítimas da covid pero tamén ós profesionais que loitaron contra a enfermidade durante estes últimos meses. Romero aplaude esta connotación solidaria, que para el supoñerá a “honra” engadida de poder interpretar por primeira vez no templo ourensán. “Paréceme unha boa idea recuperar o instrumento nun lugar tan emblemático como a Catedral”, que por riba é unha obra do patrimonio con abundantes alusións á gaita, como atestemuñan as “representacións de gaiteiros na sacristía” referidas polo artista.
RECUPERAR A TRADICIÓN
Esta conxunción de elementos tradicionais galegos constitúe unha iniciativa que, di Romero, “debería facerse permanente”. “Ogallá se manteña non un ano senón sempre”, apunta o compositor. “En lugares como Escocia estas tradicións consérvanse de xeito impecable”, apunta en relación a un coidado do propio que chama a replicar: “somos a terra con máis gaiteiros do mundo”.
A intervención do fundador de Luar na Lubre en Ourense supoñerá un breve alto nos labores de promoción do derradeiro disco da formación, titulado Vieiras e Vieiros, unha oda ó Camiño de Santiago e os seus camiñantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.