Galicia lidera a taxa de mortalidade por consumo de alcol en España con Asturias e Andalucía

1.206 persoas morren anualmente en Galicia por causas atribuíbles ao alcol. O número de falecementos en mulleres galegas creceu nos últimos anos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Entre 2010 e 2017, 1.206 persoas morreron anualmente en Galicia por causas atribuíbles ao alcol. Este dato sitúa os galegos entre os máis golpeados en España, segundo un estudo da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas.

Consumo de alcol / simbiosc en Flickr www.flickr.com/photos/simbiosc/11156988436
Consumo de alcol / simbiosc en Flickr www.flickr.com/photos/simbiosc/11156988436

O estudo ‘‘Mortalidad atribuible al alcohol en España, 2001-2017’, que se acaba de publicar, estimou comparativamente a mortalidade atribuíble a alcol en España en maiores de 15 anos entre os períodos 2001-2009 e 2010-2017, segundo sexo, idade, comunidade autónoma, causa de morte e tipo de consumo, así como a súa evolución temporal.

O informe conclúe que en 2010-2017 se produciron en España 15.489 mortes ao ano atribuíbles a alcol, sendo un 73,8% en homes. E a maioría (55,7%) foron prematuras; é dicir, ocorreron en persoas menores de 75 anos, sendo esta última proporción bastante máis elevada en homes (61,3%) que en mulleres (39,8%). O consumo de alcol supuxo un 4% do risco xeral de mortalidade.

Galicia ten a terceira taxa media anual de mortalidade atribuíble ao alcol por 100.000 habitantes, con 43,9 falecementos, só superada por Asturias (46) e Andalucía (44,7)

Entre 2001-2009 e 2010-2017 o número medio anual de mortes atribuíbles ao alcol no conxunto da poboación de 15 anos residente en España descendeu moi lixeiramente, pasando de 15.965 a 15.489. Pero os datos para Galicia son peores que a media estatal e sitúana como terceira autonomía máis golpeada  mortalmente polo alcol.

O descenso produciuse na maior parte das comunidades autónomas, sendo as máis poboadas as que máis contribuíron, especialmente Madrid (-192) e Andalucía (-136). Pola súa banda, rexistráronse ascensos no número absoluto nalgunhas comunidades, especialmente Comunidade Valenciana (+71) e Canarias (+14).

En Galicia, no período 2010-2017, o número medio anual de mortes atribuíbles ao alcol foi de 1.206, sendo de 891 en homes e de 315 en mulleres, fronte ás 1.235 anuais rexistradas entre 2001 e 2009 (957 en homes e 279 en mulleres). Isto quere dicir que, aínda que se rexistrou un descenso xeral, pero leve, obsérvase unha preocupante tendencia á alza nos casos de mulleres.

Por comunidade autónoma, ao calcular as taxas medias anuais de mortalidade atribuíble ao alcol estandarizadas por idade por 100.000 habitantes, os riscos máis altos no último período analizado observáronse en Asturias (46), Andalucía (44,7), Galicia (43,9) e Ceuta e Melilla (43,9), e os máis baixos en Madrid (32,2), Navarra (36,5) e Castela-A Mancha (36,7). Mentres que a taxa media anual no conxunto de España foi de 40,9 por 100.000 habitantes, sendo máis elevada en homes (69,3) que en mulleres (18,1), e aumentando considerablemente coa idade, tanto en homes como en mulleres.

En homes, a taxa media anual de mortalidade atribuíble ao alcol por 100.000 habitantes en Galicia é de 75,5; un dato que só se supera en País Vasco, con 76, e Asturias, con 82,1.

En mulleres, a taxa sitúase en 18,6, o que sitúa Galicia no quinto posto nunha clasificación liderada por Cataluña (20,4).

A contribución do alcol á mortalidade xeral en España é dun 4%, co País Vasco á cabeza (4,5%) e Galicia en segundo lugar (4,4%)

Usando porcentaxes estandarizadas por idade, a contribución do alcol á mortalidade xeral en España en 2010-2017 foi dun 4% (5,4% en homes e 2,3% en mulleres), observándose a maior contribución en País Vasco (4,5%), Galicia (4,4%), A Rioxa (4,3%) e Asturias (4,3%), e a menor en Estremadura (3,4%), Ceuta/Melilla (3,6%), Madrid e Castela-A Mancha (3,7%).

No conxunto de España, a contribución media do alcol ao risco de mortalidade xeral cambiou moi pouco entre 2001-2009 (4,1%) e 2010-2017 (4,%). Con todo, observáronse diferenzas interautonómicas entre os dous períodos. De feito, en termos absolutos a porcentaxe de mortes estandarizadas que foron atribuíbles a alcol descendeu en Madrid (-0,35%), País Vasco (-0,16%), A Rioxa (-0,14%), Andalucía, Cataluña, Castela e León, Baleares, Aragón, Canarias e Galicia, e aumentou na Comunidade Valenciana (+0,25%), Castela-A Mancha (+0,13%), Murcia (+0,11%), Ceuta/Melilla, Cantabria, Navarra e Estremadura.

CAUSAS DE MORTE

As causas de morte que máis contribuíron ao risco total foron cancro (43%) e enfermidades dixestivas (25,9%), cunha contribución de causas externas e cancro maior en homes que en mulleres e o contrario no caso de enfermidades circulatorias e dixestivas.

Un 79,9% das mortes asociadas ao alcol (82,8% en homes e 69,0% en mulleres) foron atribuíbles ao consumo excesivo.

A maior contribución do alcol ao risco de mortalidade xeral observouse no grupo de 35-54 anos (10%), alcanzando un 11,9% nos homes desa idade. En xeral a contribución do consumo excesivo ao risco total asociado ao alcol aumenta coa idade, cun máximo no grupo a partir de 75 anos (85,6%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta