Pontón pide a Feijóo que "non fuxa" dun segundo debate: "quedou moito por abordar"

"Sería unha falta de respecto ós galegos que o presidente non estivese presente", aseverou en relación ó vindeiro cara a cara.

Por E.P. | VIGO | 30/06/2020 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, reclamou a Feijóo "que non fuxa dos debates" e retouno a volver confrontar as súas propostas porque, no debate deste luns, "quedaron moitas cousas por abordar". Así o trasladou en declaracións aos medios tras participar nun encontro con mozos en Vigo. Segundo constatou, no debate deste luns viuse "que hai dúas alternativas, por unha banda o PP co seu inmobilismo, conducindo a Galicia a converterse nun país con menos oportunidades, e por outro, o BNG, que ten un proxecto de futuro".

"Quero retar a Feijóo a que acuda a algún debate máis. Os debates son un dereito dos cidadáns, e quero que volvan ter a oportunidade de ver aos que queremos presidir a Xunta debatendo e contrastando ideas", incidiu a candidata nacionalista. Pontón lembrou que esta semana hai previsto un cara a cara de candidatos nun medio privado, en relación ó cal advertiu que "sería unha falta de respecto aos galegos e galegas que o candidato do PP non estivese presente".

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, nun encontro con mozos en Vigo.
A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, nun encontro con mozos en Vigo. | Fonte: Europa Press

PARTICIPACIÓN BAIXA

Por outra banda referiuse á participación nos comicios do 12 de xullo e ao "risco evidente" de que esa participación sexa baixa. "As enquisas din que segue habendo moita xente indecisa, hai que facer un esforzo de mobilización, canta máis participación, mellor para a democracia", subliñou. "Teño a convicción de que a clave para o cambio galego é unha gran mobilización, que deixe atrás a desesperanza e o desastre ao que nos conducen as políticas do PP", sentenciou.

BANCO PÚBLICO DE VIVENDA

No mesmo acto, Pontón anunciou o seu compromiso coa creación dun banco público de vivenda que axude a paliar as "dificultades" da mocidade para poder independizarse en "condicións dignas". Pontón destacou tamén outras medidas enfocadas cara a este colectivo, como a aprobación dun plan de emprego xuvenil, para acabar coa "precariedade tan brutal" que afecta a este sector da poboación

Así mesmo, a candidata nacionalista prometeu a posta en marcha do "Plan Retorna" para que o talento galego, especialmente novos investigadores que tiveron que emigrar do seu país nos últimos anos, poidan retornar a Galicia e ter un horizonte de "esperanza" e "futuro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta