Temas: ELECCIóNS

Reaccións debate: Caballero asegura que houbo "un detonante para o cambio"

Gómez-Reino cre que o debate "iniciou a remontada definitiva das forzas de esquerda". Abel Caballero, tío do candidato socialista, evita opinar. Losada defende a "solvencia" de Gonzalo Caballero fronte a un Feijóo "nervioso" e partidario dos "recortes".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/06/2020 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, asegurou que o debate a sete celebrado na CRTVG supuxo "un detonante para o cambio" e para "retirar" a un presidente da Xunta e candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "esgotado".

Debate da CRTVG
Debate da CRTVG | Fonte: CRTV

Nunha visita a Ferrol acompañado polo alcalde, Ángel Mato, e outros cargos socialistas da zona, Caballero mostrouse "moi satisfeito" co resultado do debate no que, na súa opinión, "mostrouse con claridade" que en Galicia hai un PP "esgotado" e que, fronte a iso, "hai un proxecto de futuro liderado polo PSdeG". "Onte gañamos o debate, iniciamos unha reactivación crecente da maioría social e de progreso", manifestou.

Neste sentido, sostivo que "todo o mundo sabe que Feijóo perdeu o debate". "Nin os aliados da dereita se atreven a dicir que gañou porque quedou excedido pola realidade dun país que quere un cambio político e que non é o mesmo que goberne o PP a que goberne o PSOE, que goberne a dereita a que goberne a esquerda", apuntou.

Ademais, volveu retar ao presidente da Xunta e candidato do PPdeG a manter unha cara a cara con el. "O PP e Feijóo deberían aceptar establecer unha cara a cara entre os dous principais políticos do país, quero debater unha vez máis para mostrarlle a Feijóo que o PP xa está superado, que o PSOE é a alternativa de goberno real, a opción de futuro para Galicia".

O aspirante socialista mostrouse "convencido" de poder liderar a maioría de progreso e "gañar as eleccións" para "retirar da Xunta a ese líder esgotado do PP" que se mostrou "canso, sen reflexos, sen medidas e sen alternativas". "Representa que o PP acabou os seus días para darlle a Galicia as medidas que necesita", indicou.

Ademais, subliñou que en Galicia "urxe un cambio" e que hai "unha alternativa liderada polo PSOE para gobernar". "Quero presidir o goberno de todos os galegos, onte viuse que o PSOE está en condicións de liderar unha maioría de progreso", insistiu.

FEIJÓO

Pola súa banda, o presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, condicionou a súa eventual participación noutro debate electoral a que o resto de partidos que conformarían un "multipartito" cheguen a un acordo para presentar a un único candidato. Así o trasladou a preguntas dos medios, antes de participar nun xantar-coloquio con empresarios en Vigo, e despois de que a candidata do BNG, Ana Pontón, o retase a participar en máis debates porque, tras o celebrado este luns, quedaron "moitas cousas por abordar".

Ante ese "reto", Feijóo afirmou que, "se o multipartito ten un candidato para estas eleccións", el estaría "en disposición de facer un cara a cara". Segundo insistiu, debería haber un "acordo explícito" entre todos eses partidos e, nese caso, "poderíase articular un novo debate". En todo caso, recalcou que a petición de que participe en varias confrontacións "é un clásico", e que el xa se someteu ao debate da CRTVG, "como é habitual desde hai décadas en Galicia".

Precisamente, con respecto a ese debate electoral 'a sete', o líder do PPdeG constatou que "se falou moito de Feijóo", mentres el quixo falar "de Galicia". Na súa opinión, o que puido verse foron "catro candidatos que representaban a 10 partidos", cuxo único obxectivo común é evitar que o PP volva presidir a Xunta, e a outros dous candidatos (en alusión a Ciudadanos e Vox) de partidos aos que, se se lles vota, "se restan posibilidades ao PP".

GÓMEZ-REINO

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, considera que o debate do pasado luns na TVG "iniciou a remontada definitiva das forzas de esquerda" porque evidenciou que o aspirante á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "non ten proposta para este país".

"Agora sabemos as razóns polas que o señor Feijóo evita comparecer en sede parlamentaria e evitar debates en pé de igualdade. Onte (luns) foi claro e evidente que o señor Feijóo non ten proposta para este país", sentenciou Gómez-Reino na mañá deste martes antes de participar nun encontro con entidades sociais.

O cabeza de lista da alianza de esquerdas considera que o debate a sete celebrado o luns na radio e televisión públicas "demostrou clarísimamente que hai unha alternativa de esquerda, progresista e de país para gobernar Galicia despois do 12 de xullo".

Neste sentido, sinalou que o "conxunto" de forzas progresistas, en alusión a PSdeG, BNG e En Común, puxeron sobre a mesa "o diagnóstico real do país", o que lle levou a sentenciar que o único debate entre candidatos que haberá esta campaña marca "o principio do fin da era Feijóo".

"Non só hai partido, senón que creo que onte (o luns) iniciouse a remontada definitiva das forzas da esquerda", remarcou Gómez-Reino, que volveu a apelar á mobilización do seu electorado e do conxunto de forzas "progresistas" o próximo 12 de xullo.

JAVIER LOSADA

Conforme avanzan as horas vanse sucedendo as reaccións de líderes políticos ó debate que na noite de onte enfrontou a 7 dos candidatos á Xunta de Galicia na CRTVG. O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, manifestou que o cara a cara evidenciou a "alternativa solvente" do socialista Gonzalo Caballero fronte a un Alberto Núñez Feijóo ao que viu "nervioso" e "á defensiva, sen ningunha aposta de futuro".

Losada defendeu as intervencións de Caballero cunha declaración paralela ó defendido polo polo candidato socialista, que fixo dos dereitos sociais e o estado do benestar a súa principal baza da cita televisiva. Así, Losada reprochou ó actual presidente da Xunta unha xestión "con recortes, peche de hospitais e diminución de prestacións con copagos".

"O debate foi moi clarificador", insistiu Losada, quen rexeitou o discurso de que "non hai alternativa ás políticas da dereita, do señor Feijóo". "Hai unha alternativa solvente, rigorosa, de cambio tranquilo, con moitas propostas e proxectos que é Gonzalo Caballero", apostilou.

ABEL CABALLERO "NON OPINA"

Menos claro no seu apoio ó candidato socialista foi o alcalde de Vigo Abel Caballero, tío de Gonzalo Caballero. "Non teño a máis mínima intención de opinar", subliñou, destacando en troques o seu compromiso coa cidade olívica. Neste aspecto, non perdeu a oportunidade de atacar a Feijóo pola súa actitude a respecto na cidade da reconstrución pospandemia: "É unha pena que no debate de onte non dixese por que non dedicou nin un euro a acción social en Vigo", reprobou 

Temas: ELECCIóNS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta