Temas: POBREZA

O 'cartón moedeiro' da Xunta para sufragar necesidades básicas poderase solicitar a partir do mércores

Concederase nun prazo máximo de 72 horas, segundo a conselleira de Política Social, Fabiola García

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/06/2020 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O 'cartón moedeiro' da Xunta, para que familias vulnerables poidan comprar alimentos, produtos de hixiene e necesidades básicas, poderase solicitar a partir do mércores, 1 de xullo, segundo anunciou a conselleira de Política Social, Fabiola García, na firma do convenio para a súa xestión coa presidenta da Cruz Vermella Galicia, Carmen Colmeiro, na Coruña.

Voluntarios no Banco de alimentos de Vigo.
Voluntarios no Banco de alimentos de Vigo.

A responsable autonómica explicou que a concesión da axuda realizarase "nun prazo máximo de 72 horas" e que se tramitará tanto nas sedes da entidade solidaria como nos concellos. O único requisito para acceder ao cartón será "non dispor doutra axuda da Xunta ou dos concellos".

A Consellería de Política Social calcula que serán 30.000 as familias en situación de vulnerabilidade que accederán ao 'cartón moedeiro', que poderá utilizarse, engadiu García, en supermercados ou farmacias para "non estigmatizar a ninguén". O orzamento que destina o Goberno galego a esta medida será de 21,7 millóns de euros.

O período de vixencia do cartón será de tres meses e recargarase cada mes, segundo avanzou a conselleira en declaracións aos medios. As familias de tres ou máis persoas percibirán 900 euros en total; as de dúas persoas, 600 e as dunha persoa soa, 450 euros. Fabiola García subliñou que se trata dunha axuda "inmediata" mentres se tramitan outro tipo de axudas públicas.

Temas: POBREZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta