Detidos dous homes que alegaron levar escopeta "para escorrentar un xabaril que lles esnaquizaba o millo"

Ningún dos dous ten licenza de armas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2020 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

A Garda Civil do Posto de San Sadurniño procedeu á detención de dous homes por un delito de tenencia ilícita de armas na localidade coruñesa de Valdoviño tras alegar que levaban unha escopeta para escorrentar un xabaril que lles estragaba a colleita.

Así o informou o Instituto Armado, que relatou que os feitos sucederon cando axentes que realizaban un servizo de seguridade cidadá observaron de lonxe o vehículo dunha persoa, de quen "sospeitaban que puidese estar a se dedicar á caza furtiva de xabarís".

Por iso, a patrulla colocouse nun "lugar seguro", indicaron as mesmas fontes, coa intención de dar o alto ao vehículo e identificar o seu condutor. Nese momento, presenciaron que, antes de que chegasen á súa altura, o todoterreo "tardaba máis do permitido en saír dun cruzamento", puntualizou a Benemérita.

Cando os axentes interceptaron o condutor e o seu copiloto, estes argumentaron que "viñan de sementar millo e de vixiar que o xabaril non lles esnaquizase a colleita", sinalou a Benemérita.

Posteriormente á identificación do vehículo, a Garda Civil procedeu a vixiar a zona onde os investigados realizaran unha parada, lugar no que acharon unha escopeta de cartuchos do calibre 12, "cargada e lista para ser disparada", concluíu.

Segundo argumentaron os identificados posteriormente, "a escopeta foi municionada por un deles e o outro colleulla a un familiar", apuntaron as mesmas fontes, que engaden que "ningún dos dous ten licenza que amparase a súa tenencia".

Exemplar de xabaril novo na Illa de Cortegada
Exemplar de xabaril novo na Illa de Cortegada | Fonte: Saúl De la Peña Lastra, Revista micológica 'Errotari' nº 14.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta