O labirinto dos funcionarios interinos, acordos que non se cumpren e oposicións que non se convocan

Os e as traballadoras interinas da Xunta queren ver resolta a súa situación laboral dentro da administración galega. A Unión Europea reclamara a España acabar coa elevada taxa de temporalidade dentro das diferentes administracións públicas. Algúns sindicatos responden cos diferentes acordos asinados a nivel estatal ou coa convocatoria de probas selectivas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 30/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A situación dos interinos dentro da Xunta de Galicia supón unha cuestión difícil de abordar, segundo as consultas realizadas a organizacións sindicais. Por unha banda está o dereito a conservaren as súas prazas como funcionarios, pola outra, se o goberno autonómico busca ter a súa bolsa de traballo grazas á interinidade e manter a administración baixo o seu control. A Plataforma de Empregados Temporais das Administracións Públicas de Galicia, Plategal, denunciaba nunha entrevista no GC casos de décadas con interinidades. O propio Feijóo respondía a esta plataforma que Galicia é a autonomía con "maior estabililidade" entre os funcionarios.

Datos de temporalidade na Xunta
Datos de temporalidade na Xunta | Fonte: CIG

TEMPORALIDADE NA XUNTA

A directiva a directiva 1999/70/CE da Unión Europea é un dos elementos en que se apoian os interinos en Galicia para demandaren á Xunta que acabe coa súa situación, para algúns casos, con décadas de interinidade. “Esa directiva non é un mandado da Unión Europea, é unha chamada de atención a España pola enorme temporalidade dentro da administración pública” di o representante de CCOO para Administración Pública, Emilio Doforno. “A taxa de temporalidade que ten España entre empregados públicos case chega ao 30%, fronte o 7 ou 8% que sería o normal noutros países”.

O persoal temporal dentro da administración galega afecta case a 5.000 persoas, entre funcionarios interinos e persoal laboral temporal. Algunhas desas persoas levan moito tempo en postos para os que non houbo procesos selectivos  ou oposicións. “Consideramos que se debera entrar mediante proceso selectivo” di Zeltia Burgos de CIG-Administración. Por outra parte, a representante da CIG interpreta que “máis de tres anos nun posto para o que nunca houbo proceso selectivo, é necesario negociar a estabilización dese posto”.

A situación preséntase difícil, pois como mesmo recoñecen as fontes sindicais consultadas, habería un paradoxo entre o libre acceso á función pública e o dereito dunha persoa a consolidar o seu posto de traballo despois de anos exercendo o seu labor dentro del. Esta situación fai que en varias ocasións se recorra á vía xudicial para a consolidación do posto. E tamén, en ocasións, eses postos poden ser moi específicos, tanto que debería haber probas unicamente para eles.

Temporalidade entre funcionarios
Temporalidade entre funcionarios | Fonte: CIG

O Tribunal Constitucional declarou no seu día que non pode haber procesos restrinxidos” apunta Doforno, quen engade que o Estatuto Básico do Traballador Público contempla a busca de fórmulas para a consolidación do posto respectando a legalidade.

INTERESES POLÍTICOS?

As leis dos orzamentos de Galicia para os anos 2017 e 2018 contemplaban a habilitación de procesos de consolidación para persoal interino con máis de tres anos. En 2019 asinaron Xunta, CCOO e UGT un acordo de concertación para o emprego público. O que se buscaba era rebaixar a taxa de temporalidade.

“En 2008 asinárase un documento polo que se comezarían procesos de OPEs, ditos procesos comezaron a porse en marcha en 2017” di Lino Díaz de UGT-Administración. O documento de 2008 asinárano CIG, CCOO e UGT. A pregunta que xorde é por que non se aplicaron os acordos de 2008 ata o 2017? Acaso tiña que ver que se asinaran baixo o goberno bipartito e coa chegada do PP se paralizara todo? “Iso habería que preguntarllelo a eles, á Xunta, porque quen impide o acceso é a administración”.

A Administración central creou as chamadas taxas de reposición que estipulaban unha porcentaxe de prazas que si poderían ser cubertas mediante OPEs. “Esas taxas de reposición impiden moitas veces cubrir prazas estuturais da administración” apunta Díaz. “Os acordos asinados mencionan a consolidación dun posto que non ten por que ser o que ocupa agora o interino” di Doforno.

As contratacións coxunturais son que non entraron en OPE ou que se crearon por unha necesidade circunstancial. Un exemplo  é o Consorcio Galego de Benestar, onde a maioría son persoal interino non fixo e en menor número persoal laboral.

Existe un interese detrás da falta de desenvolvemento de acordos para celebración de OPEs? A CIG considera “unha bolsa de traballo” algunhas prazas que quedaron fóra de OPEs, pois así o goberno de turno podería ter un grupo de traballadores interinos moi pendentes de non perder o seu traballo. “En Ourense só hai un xefe de distrito contraincendios fixo, o resto son interinos” di Zeltia Burgos. A interinidade, sospeitan, pode axudar coa aplicación de determinadas políticas segundo que áreas.

Manifestación en Santiago de funcionarios de Xustiza
Manifestación en Santiago de funcionarios de Xustiza
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rafael

Gran parte de culpa desta situación teñena os sidicatos que xogaron moitas veces en contra dos traballadores.