Feijóo avisa aos maiores: "non é o mesmo unha opción que a outra"

O candidato do PPdeG remarcou que voten pensando nas súas pensións, nos seus fillos e netos e na estabilidade familiar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2020 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O candidato do PP á reelección para Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo apelacións directas á mobilización do voto neste quinto día da carreira cara ás urnas, e dirixiuse en concreto ao colectivo de persoas maiores para ofrecerlles colexios electorais "seguros".

"Falade cos vosos, que vaian votar todos. Que ninguén decida por vós. Un maior non ten menos capacidade para decidir, un maior ten máis experiencia, porque ten máis ano. Que non digan que ir votar é un problema de risco", salientou Feijóo.

De feito, o tamén mandatario autonómico garantiu que os 2.000 colexios electorais están "inspeccionados por inspectores", que a propia Xunta habilitou por mor da crise sanitaria polo coronavirus, e son "lugares seguros". Son "o sanctasanctórum de Galicia", proclamou.

Así, nunha nova apelación ás persoas maiores, pediulles que acudan a votar dirixíndose a "todos os que queren estabilidade nas súas pensións, estabilidade dos seus fillos e netos, e contribuír a esa estabilidade da familia".

"Pensade nos vosos! Non é o mesmo unha opción que a outra. Son antitéticas, son o alfa e o omega", aseverou Feijóo, quen, como fixo no debate electoral a sete bandas na CRTVG --ao que foron convidados as formacións con representación e outras extraparlamentarias-- volveu a contrapor a súa "estabilidade" co "multipartito" que conformarían as forzas pola esquerda.

No seu discurso no municipio pontevedrés de Ponteareas , onde estivo acompañado pola que exresponsable de Turismo de Galicia, Nava Castro, Feijóo chamou a votar por "a vitoria de Galicia". "En Galicia sabemos o que queremos, sabemos o que votamos e votamos pola vitoria", salientou.

O presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, nun mitin en Vigo PP DE GALICIA
O presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, nun mitin en Vigo PP DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta