Seguen as protestas polas “abusivas comisións” bancarias

Case 20.000 persoas asinaron en Change.org para pedir a fin das comisións da conta 0 Comisións de Abanca. A entidade asegura que os problemas están sendo resoltos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/06/2020 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Clientes de Abanca continúan protestando polos cambios na conta 0 comisiones de Abanca. Unha situación que levou a que moitos deles colapsaran certas sucursais hai unha semana, así como os números informativos habilitados pola entidade bancaria. Outtros decidiron xa protestar diante das sucursais bancarias da entidade.

Protesta diante dunha sucursal de Abanca polas comisións
Protesta diante dunha sucursal de Abanca polas comisións | Fonte: remitida

As contas afectadas son aquelas que, supostamente, non debían ter comisións, ben por ter domiciliadas facturas, nóminas ou algún seguro. Con todo, algunhas destas contas comezaron a cobrar comisións de mantemento este mes.

Os clientes denuncian que estas comisións son "abusivas" e non foron avisados destes cobros. Fontes do banco herdeiro das caixas galegas confirma en declaracións a Galicia Confidencial a existencia de malestar entre algúns dos seus clientes, pero matizan que este tipo de contas cambiaron as condicións ao inicio de ano e que a todos os clientes se lles mandou información ao respecto.

Co inicio da pandemia, Abanca decidiu conxelar esta medida, que activou este mes coa chegada da "nova normalidade". Con todo, as fontes consultadas insisten en que esta medida non afecta aos clientes que estean no paro ou nun ERTE ante a grave crise provocada polo coronavirus. Algúns afectados din que isto non é certo. "Se se lle cobra comisión é que é un erro do banco, ben por que non ten domiciliada a nómina con nós, ou ben por un erro administrativo noso", indican. Nese caso, aconsellan porse en contacto coa súa sucursal bancaria para a devolución inmediata desas comisións.

Con todo, os afectados, moi activos en redes sociais, continúan coas protestas, algunhas con berros diante de sucursais bancarias. Ademais, algúns deles activaron unha petición na plataforma change.org que suma máis de 18.000 sinaturas para pedirlle a Abanca o fin das “comisións abusivas” na súa conta de Comisións 0. 

Abanca insiste que todos os bancos "grandes e pequenos están facendo o mesmo" e que esta situación "non é exclusiva de Abanca". A entidade xa puso a disposición dos clientes un enderezo electrónIco https://www.abanca.com/es/promo/sin-comisiones/, e un teléfono --981 910 52-- para os clientes que non poidan resolver as súas dúbidas na súa sucursal bancaria habitual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta