As enfermeiras eventuais: "Non temos nin dereito a enfermar. Se enfermas quedas sen traballo"

Fronte a unhas condicións de traballo "sanguentas", estas profesionais esixen respecto e ser escoitadas por parte da Xunta de Galicia. Falamos con Aurora Magán, que leva doce anos empregada como enfermeira eventual no Sergas e forma parte do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Viven pendentes do teléfono móbil para incorporarse dun día para outro (cando non é no mesmo día) ao seu traballo en calquera centro de saúde ou hospital da súa área sanitaria. Saltan constantemente dun contrato a outro e chegan a acumular centos deles ao longo da súa vida laboral. Nunca poden planificar nada, nin sequera a súa economía. Decidir ser nais convértese para elas en todo un acto de valentía. Se din que non a algún deses contratos, son penalizadas e baixan na listaxe de contratación. Se enferman, corren o risco de quedar na casa durante un longo período de tempo. Elas son as enfermeiras eventuais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e este é o seu día a día, marcado polo traballo "a golpe de cabreo e reclamación" contra un constante "ti non, ti non, ti non".

Manifestación por unha sanidade pública sen precariedade laboral
Manifestación por unha sanidade pública sen precariedade laboral | Fonte: remitida

Aurora Magán non chegou a contabilizar todos os seus contratos porque cansou o día que ía pola metade da conta. Só o verán pasado - desde o 5 de xullo ao 28 de setembro - acumulou un total de 38 acordos laborais. Leva 12 anos traballando como enfermeira eventual e forma parte do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, que naceu hai pouco máis dun ano para esixir unhas mellores condicións laborais para as 7.000 profesionais que se atopan nesta situación, o 40% das enfermeiras totais que traballan no Sergas, segundo datos extraídos do Consello de Contas.

"O Sergas ten a tixola collida polo mango e sabe que vas estar sempre a disposición"

En que condicións estades traballando as enfermeiras eventuais?

Nunhas condicións sanguentas. Somos conscientes de que a eventualidade ten que existir, pero queremos ser traballadoras con dereitos. Sobre o papel recoñécensenos os mesmos dereitos que ás interinas, pero á hora da verdade non é así: non se nos respecta, non se nos deixa gozar de vacacións, temos problemas para pedir días de permiso... Todo son trabas. Estamos baixo un pacto de selección temporal (que agora tamén vai incluir persoal médico) que está obsoleto e que nos escraviza. Obríganos a vivir pendentes do teléfono e a incorporarnos a un traballo, ás veces, avisándonos con tres horas de antelación. Case non dá tempo a saber ben a onde tes que ir, aprender o camiño, buscar o centro de saúde, saber onde tes a roupa... Ademais, é un pacto penalizador, o único en todo o Estado: se ti rexeitas un contrato por coidados familiares bótante da listaxe de contratación. O Sergas ten a tixola collida polo mango e sabe que vas estar sempre a disposición. 

Unha cativa, filla dunha enfermeira eventual, maniféstase en Compostela
Unha cativa, filla dunha enfermeira eventual, maniféstase en Compostela | Fonte: remitida

Como organizas a túa propia vida e como concilias cun traballo así?

Nunca podes planificar nada, nin sequera a túa economía. Entre contrato e contrato atópaste na casa, esperando, sen saber cantos días chegarán a ser. Pode acontecer que traballes 15 ou 20 días nun mes ou que traballes 30 de 30. Isto tenlle pasado a unha compañeira nosa que é nai. Onde queda a conciliación laboral e familiar? É imposible, as nais fan verdadeiros números. Moitas buscan a opción de contratar coidadoras, pero ata iso resulta difícil porque ao non sabes cando vas traballar, tampouco sabes cando che vai facer falta. Algunha compañeira nosa ten que estar de baixa nas listas, sen puntuar, sen cotizar e sen cobrar. Este é o nivel de conciliación. 

Sempre recordo o que me pasou a min hai tres anos, cando meu pai ía facer unha pequena intervención e eu tiña que quedar coidando unha persoa maior na casa. Xusto o día en que o chamaron a el para operar chamáronme a min para incorporarme ao día seguinte. Dixen que non podía e ameazáronme con penalización. Finalmente tiven que pedir a suspensión de chamamento e botar un mes enteiro na casa sen traballar por dous días de intervención. 

"Non tes dereito a enfermar nin tes dereito a coidarte a ti mesma"

E xa non digamos no caso dunha enfermidade túa. Non tes dereito a baixa laboral, non tes dereito a enfermar nin tes dereito a coidarte a ti mesma. Lembro tamén unha vez que tiven gastroenterite. Avisei de que non iría traballar ao día seguinte e quitáronme o bloque de 38 contratos que tiña. Eu choraba porque pensaba: "Vanme deixar sen traballo". E efectivamente, fixérono. Traballamos a golpe de cabreo e reclamación contra o "ti non, ti non, ti non" que sempre escoitamos por ser eventuais. 

E en canto a carga de traballo, como vos atopades?

Sobrepasadas. Hai veces que é imposible, non das, non das! Na Atención Primaria existe o chamado Complemento de Intersubstitución ou Complemento J, polo cal fas o teu traballo e o da túa compañeira que está de baixa ou vacacións. Nunca reforzan en persoal, o que fan é repartir o traballo entre compañeiras e pagarche un complemento. Eu teño chegado a levar 25 pacientes unha noite. Ao principio aceptaba pero logo empezou a haber moitas xubilacións e a carga de traballo faise imposible. Ese complemento, ás veces, nin sequera se nos paga porque non sabes se estás facendo só o teu traballo ou tamén o das túas compañeiras. Abusan do descoñecemento. Como non sabes aprovéitanse, xogan moito con iso e sáelles redondo. Eu levo 12 anos e xa vou vendo a que me enfronto, pero as compañeiras recén chegadas comen todo o que lles dan, fan unha burrada de horas...

Como afectan todas estas condicións e a carga de traballo á calidade asistencial?

"A calidade asistencial resíntese moitio cando a metade do persoal é eventual"

Enfermeiras Eventuais en Loita iniciamos as nosas reivindicacións por unha cuestión laboral, pero sempre temos presente que tamén o facemos como pacientes, porque a calidade asistencial resíntese moito cando a metade do persoal na sanidade pública somos eventuais. Con este baile de sitios e persoas non se permite a continuidade dos coidados, e iso repercute moito na atención aos pacientes, que son quen o sofren en maior medida. É fundamental seguir o caso dunha persoa. A enfermaría e os coidados son holísticos, hai que coñecer o conxunto da persoa; e este 'ir e vir' non cho permite. 

O teu propio adestramento tamén se complica. Aínda que moi pouquiño a pouco empezan a recoñecerse diferentes especialidades dentro da enfermaría, se un día estás nun centro de saúde e outro día nun hospital, nunca adestras; non chegas a dominar un posto de traballo nun lugar concreto para poder ofrecer calidade. Ben facemos o que podemos, pero é necesario poder adestrarse. 

Como eventuais, como foi a vosa situación laboral durante esta pandemia? Como a vivistes?

Volvemos ao 'non dereito a enfermar'. A compañeiras que se contaxiaron da Covid-19 no posto de traballo e tiveron que ir para a casa en corentena, non se lles renovou o contrato cando tocaba e víronse sen nada. Mobilizámonos moito, reclamamos, e ao final o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, saíu dicindo que foran casos puntuais debido a un erro de interpretacion. Mais nós temos constancia de que varias compañeiras, e non só casos puntuais, pasaron por esta situación. 

Ademais, cando empezou a descender número de ingresos, ás persoas que tiñan contratos renovados ata finais de abril informáronas de repente de que rematarían o día 16 dese mes.  Tamén por isto se armou moito follón. Pode que o teu posto de traballo desapareza ao baixar a carga asistencial, pero teñen obriga de rehubicarte. De novo a presión mediática e social fixo que a Xunta saíra para dicir, outra vez, que fora un erro puntual. Sempre son erros puntuais pero é o que levamos vivindo todos estes anos. 

Eses dous problemas son os que vivimos especificamente como enfermeiras eventuais, pero tamén sufrimos, por suposto, a falta de material, protocolos... como o resto de profesionais da sanidade.

"A Administración está convertida na maior ETT do Estado de maneira sanguenta. Esiximos que a Xunta sente negociar coas traballadoras"

Que esixides ao Sergas para mellorar a vosa situación?

Hai moito, moito que limar. Pedimos que se elimine a taxa de reposición e que se convoquen as prazas necesarias para cubrir as necesidades da sanidade pública tendo en conta o envellecemento da poboación e a dispersión xeográfica. Temos un ratio de enfermaría por baixo do Estado español e á cola de Europa, pero ao mellor Galicia precisa incluso un ratio aínda maior para compensar estas características concretas. 

Por outra banda, pedimos que haxa un pacto de selección temporal xusto e que nos permita traballar de maneira eventual nunhas condicións dignas. Levo 12 anos como enfermeira e despois das declaracións vertidas polo conselleiro de Sanidade este domingo, cando dixo que a política de contratación do Sergas non ía mudar, a min pásame pola cabeza abandonar. Non boto outros 12 anos da miña vida nestas condicións, cunha oposición aprobada. É inviable traballar así e parécenos unha falta de respecto por parte da Xunta. A Aministración está convertida na maior ETT do Estado de maneira sanguenta. Esiximos que senten a negociar coas traballadoras; aínda que vontade pola súa parte, de momento, vemos cero. 

A pesar da inacción da Xunta, a vosa loita está chegando lonxe, de feito, a Eurocámara investigará a precariedade laboral na sanidade pública galega. En que punto se atopa esta investigación?

En decembro presentamos unha petición perante a Comisión de Peticións da Eurocámara, que era a ferramenta que viamos máis factible. Agora chegounos comunicación de que se admitía e de que tiña o peso e a gravidade suficiente como para pasalo tamén á Comisión relacionada con asuntos de traballo na Eurocámara. Non contabamos con isto e é unha noticia moi boa para nós. Levabamos documentos de moito peso: estudos que falaban do aumento da mortalidade e morbilidade relacionado co ratio de enfermería. Cremos que tamén influíu que a Covid puxo enriba da mesa a importancia da sanidade e do imprescindibles que son uns sistemas sanitarios públicos de calidade.

"Imos seguir loitando, porque se non, a outra porta que nos queda é a de coller a maleta e marchar"

Este mesmo sábado pasado saístes tamén á rúa baixo o lema 'A nosa estabilidade é a túa seguridade' e falabades da necesidade de unión de todo o persoal sanitario. Buscades facer aínda máis forza, non?

A raíz da creación de Enfermeiras Eventuais en Loita, as compañeiras técnicos de coidados auxiliares de enfermaría e tamén o persoal facultativo empezaron a organizarse. Por outro lado xa existía a Asociación Galega de Celadores... Daquela comezamos a reunirnos e vimos que había dous puntos chave (a eliminación da taxa de reposición e o cambio do pacto de selección temporal) que nos unían a todos. Son lousas que todas sufrimos, e consideramos que igual que traballamos en equipo na atención aos pacientes, aquí tamén debemos facelo. Cremos profundamente que para desenvolver o noso labor con garantías para os pacientes debemos ter estabilidade nos nosos postos de traballo. Imos seguir loitando moito, porque se non, a outra porta que nos queda é a de coller a maleta e marchar. 

As Enfermeiras Eventuais en Loita deixaron os zocos de traballo fronte á Xunta como acto reivindicativo
As Enfermeiras Eventuais en Loita deixaron os zocos de traballo fronte á Xunta como acto reivindicativo | Fonte: remitida
A enfermeira Aurora Magán na manifestación deste sábado polas melloras laborais
A enfermeira Aurora Magán na manifestación deste sábado polas melloras laborais | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cando vimos aos xefes de servizo de Atención Primaria na rúa pensamos que por fin a cousa ía ter unha solución rápida... Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk Pero se todo sigue igual ou peor a pregunta segue a ser como logra o Sergas tanto colaboracionista disposto a seguir mantendo esta situación (?) Semella que o inimigo está dentro do sistema ! Do contrario non se comprende que siga a existir esta escrivitude e ninguén faga nada para plantar cara oa Sergas (?)