Denuncian o xogo do Sergas cos contratos: "O premio por estar en primeira liña é quedar sen traballo"

Profesionais do CHUAC critican que a prórroga dos contratos Covid prexudica as persoas en lista de contratación.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Persoal técnico de coidados de enfermaría do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) denuncian o sistema de contratación da Administración sanitaria polo cal se prorrogan os chamados contratos Covid para "cubrir todo tipo de ocos" no canto de manter a función para a que foran creados: a de reforzar o cadro de persoal durante a pandemia.

Sanitario protexido contra a Covid
Sanitario protexido contra a Covid | Fonte: © Miguel Núñez.

Así pois, este persoal de "reforzo" contratado para traballar con pacientes Covid é agora destinado por parte do Sergas a cubrir baixas e vacacións, feito que supón unha "discriminación esaxerada" para quen está "en boas posicións" da lista de contratación "esperando que soe o teléfono". Así se expresa unha das técnicas de coidados de enfermaría, Laura Sánchez, que se puxo en pé de guerra a canda as súas compañeiras para esixir a fin das "contratacións irregulares" no CHUAC e, por extensión, no conxunto das áreas sanitarias onde moitos profesionais eventuais tamén se ven afectados por estas prórrogas de contratos Covid.

Agora mesmo, cun só paciente infectado por coronavirus no hospital, a xerencia mantén este tipo de contratación "amparándose na necesidade de previr o que poida pasar". "A nosa sorpresa - indica Sánchez - vén cando nos decatamos de que estes contratos se prorrogan automaticamente para cubrir postos de traballo en vez de funcionar como reforzo". Tendo en conta a "enorme eventualidade" que impera no Servizo Galego de Saúde, estas profesionais cargan contra a Administración polo que consideran unha "inxustiza". "Non queremos que boten a estas persoas, pero queremos que reforcen o persoal xa existente".

Logo de varias protestas e ás portas doutra concentración prevista para este mesmo venres, "que gastarán como último cartucho", o persoal do CHUAC ten "resposta cero" por parte da Administración. Segundo a Instrución 4/20 sobre medidas en materia de persoal como consecuencia do novo coronavirus, estes contratos Covid poden prorrogarse máis alá de seis meses sempre e cando se evidencie que non hai dispoñibilidade de persoal nas listas para traballar, "cousa que aconteceu desde o primeiro de maio", remarca Sánchez.

AFORRO EN CONTRATACIÓN?

Se ben o Sergas "oculta moitísima información" e "non hai nada que o confirme", o persoal sospeita que utilizan este mecanismo para "aforrar a contratación dun montón de xente", xa que intúen que estes contratos covid son pagados polo Sistema Nacional de Saúde. A desinformación é "total", indican. "Nin sequera ofrecen os datos de cantos contratos Covid hai nos hospitais e que postos están desempeñando. Cálano todo, porque se o falan posiblemente se lles veña enriba", denuncia Sánchez.

Segundo explica, a Administración "escúdase en que estas persoas que teñen contrato Covid merecen un premio por estar en primeira liña durante a pandemia", mais Sánchez lembra que nesta crise "practicamente todas estivemos en primeira liña". Desta maneira, as profesionais advirten "un trato inxusto" e denuncian que o "premio por estar en primeira liña" sexa "verse na casa sen traballo polo tipo de contrato". Os reforzos Covid, pola súa banda, atópanse tamén "bastante fastidiados porque nunca chegaron a ter un sitio fixo onde desempeñar o seu labor", e ademais, o Sergas obrígaos a traballar tanto en áreas Covid coma en áreas libres de covid, o que supón, di Sánchez, "outra irresponsabilidade" polo risco que leva consigo.

Perante esta situación, o persoal demanda que se respecte o "pacto de contratación" e as listas de contratación. "É moi triste que despois de tres oposicións, cinco anos traballados e a nada de que che dean unha vacante, te poidas atopar sen traballo", sentenza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anxo

E non será que moitos dos que protestan polas contratacións COVID non quixeron traballar nos momentos máis duros, poñendo mil excusas i ahora queren voltar e facer valer o seu posto nas listas??