Os reitores galegos vense preparados para todos os escenarios: "Está todo baixo control"

As universidades teñen de prazo ata o 21 de xullo para remitir os seus plans para cada centro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2020 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

As universidades galegas xa contan con gran parte do traballo avanzado de cara o próximo curso. O tres reitores aseguraron este mércores que todos os centros estarán preparados para poder abordar calquera suposto e con plans de actuación, adaptación e continxencia en función dos posibles escenarios que se poidan dar respecto da COVID-19 e mesmo reaccionar ante un hipotético rebrote que poida obrigar a retomar o confinamento obrigatorio dos cidadáns, e con iso eliminar as aulas presenciais.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou unhas instrucións dirixidas ás tres institucións académicas para adaptar os ensinos e preparar os seus centros ante os posibles escenarios sanitarios. Cada unha das universidades terá que elaborar o seu propio plan xeral de prevención e control sanitario e as medidas terán que adaptarse a cada un dos seus centros, que á súa vez terán o seu protocolo específico de continxencia.

Os tres reitores referíronse a esta cuestión con motivo dun acto co ministro de Ciencia, Pedro Duque, e o candidato socialista á Xunta, Gonzalo Caballero, no que foron preguntados polas medidas de cara ao próximo curso.

Manuel Reigosa (UVigo) asegurou que a institución está a preparar a volta ás clases "pensando nos distintos escenarios de docencia" que poidan xurdir. "É obvio que a COVID nos vai afectar ao comezo o curso, pero creo que está todo baixo control".

A Universidade da Coruña xa aprobou en Consello de Goberno unha serie de medidas de cara o próximo curso. O reitor Julio Abalde explicou que estas van encamiñadas a preparar as diferentes materias e centros e adaptar "o nivel de presencialidade que se fará", contando ademais cun plan de continxencia "para que en caso de ter problemas" de rebrote se poida "reaccionar en cuestión de horas".

Neste sentido, Antonio López (USC) insistiu nestes postulados, e que cada institución contará cos seus propios plans xerais elaborados polos servizos de prevención que, á súa vez, contarán con outros "adaptados a cada centro".

ANTES DO 31 DE XULLO

A USC publicou este luns un documento con directrices para o desenvolvemento da docencia o próximo curso, que coinciden en gran medida co texto publicado pola Xunta este martes.

As instrucións do Goberno galego establecen que a guía docente de cada unha das materias do plan de estudos, de cada titulación oficial, terá que incluír un apartado chamado 'plan de continxencia' para adaptar os seus contidos, metodoloxías e sistemas de avaliación aos posibles escenarios sanitarios que se poidan producir o próximo curso.

As universidades terán que remitir os documentos da totalidade de materias que se impartirán o próximo curso tanto á Secretaría Xeral de Universidades como á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia antes do 31 de xullo e elaborar enquisas ao alumnado para coñecer a súa percepción sobre as solucións e medidas adoptadas durante a situación excepcional vivida nos últimos meses, que servirían de base para a toma de decisións.

A conselleira Carmen Pomar e o tres reitores galegos. XUNTA - Arquivo
A conselleira Carmen Pomar e o tres reitores galegos. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta