Mestras polo Futuro reclama aos partidos a integración da emerxencia climática de maneira "transversal" en educación

En total son 11 as propostas concretas que Mestras polo Futuro e Greenpeace pon a disposición de quen vaia a gobernar Galicia no próximos catro anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2020 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

A plataforma 'Mestras polo Futuro', integrada por 'Teachers for Future España' e Greenpeace, remitiron aos partidos que se presentan ás eleccións galegas do 12 de xullo un documento de demandas educativas para que a emerxencia climática "estea presente de maneira transversal e interdisciplinar en todas as etapas" do sistema.

Para as organizacións, "a maioría dos programas educativos son claramente insuficientes no tratamento do cambio climático, a sustentabilidade e a educación ambiental", a pesar de que o ámbito educativo "forma parte da base da formación integral das persoas".

"O noso alumnado é o futuro e a nosa responsabilidade é educalo e preparalo para afrontar a realidade do mundo no que lles vai a tocar vivir, máis aínda cando acabamos de comprobar como unha dolorosa pandemia, a da COVID-19, tivo moito que ver co desprezo humano pola conservación da natureza", afirmou Miriam Leirós.

O documento, que inclúe un apartado coas principais evidencias científicas que advirten sobre os efectos que o cambio climático xa está a ter e terá no planeta, incide na enorme responsabilidade das autoridades educativas á hora de concienciar e inducir cambios de comportamento para lograr unha sociedade máis sustentable.

"Non só educamos co que chamamos currículo educativo -os plans de estudo, os temarios e os obxectivos concretos que se establecen en cada etapa do ensino aprendizaxe-, senón que tamén o facemos a través do 'currículo oculto', é dicir, aquilo que lles ensinamos coas nosas actitudes, hábitos e medios que pomos ao alcance do noso alumnado", segundo Alejandro Vilela, de Greenpeace.

ONCE PROPOSTAS

En total son 11 as propostas concretas que Mestras polo Futuro e Greenpeace pon a disposición de quen vaia a gobernar Galicia no próximos catro anos.

Ademais de incidir na educación ambiental, que debe estar vinculada coa contorna e a realidade próxima ao alumnado, expoñen tamén medidas para facer dos centros educativos lugares máis sustentables en cuestións como a eficiencia enerxética, o consumo de materiais, o transporte do alumnado, a calidade do aire ou da auga e a xestión de residuos.

As organizacións propoñen medidas que mellorarían tanto a calidade do medio ambiente como a saúde do alumnado, promovendo transporte sustentable aos centros, especialmente camiñando e con bicicleta, os xogos colaborativos nos recreos e unha alimentación saudable, apostando por unha dieta planetaria con alimentos ecolóxicos e locais, promocionando o consumo de froitas e hortalizas de tempada ou os hortos escolares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta