García Egea afirma que en Galicia se salvaron "miles de vidas" grazas ás decisións de Feijóo

"Estamos orgullosos de que Feijóo presida Galicia e sempre estaremos no equipo que forme", dixo o secretario xeral do PP.

Por Europa Press / Redacción | CORUÑA, A | 01/07/2020 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, reivindicou o labor do presidente da Xunta e candidato á reelección nas eleccións autonómicas do 12 de xullo, Alberto Núñez Feijóo, durante a crise sanitaria. En concreto, dixo que as súas decisións salvaron "miles de vidas" de galegos.

Fíxoo, en declaracións aos xornalistas, antes de visitar na Coruña a sede do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), nas que reivindicou a figura de Feijóo, ao ser preguntado se o ve disputando a presidencia do PP ao seu actual presidente, Pablo Casado, sobre todo no caso de que revalide a maioría absoluta.

Egea eludiu contestar a esta cuestión, pero trasladou o seu agradecemento a Feijóo "pola axuda que sempre" lles "prestou". "É unha persoa de referencia para nós, sempre estivo axudándonos", expuxo Egea, que asegurou sentirse parte do "equipo do PPdeG". Por iso, engadiu, "onde Feijóo nos necesite e Galicia nos necesite, aí imos estar como parte dun equipo".

APELA A UNHA GALICIA "FORTE"

Ao fío diso, insistiu en que España "necesita unha Galicia forte, popular", dixo reivindicando a xestión desta formación. "Todas as autonomías do PP conseguiron salvar vidas, as decisións de Feijóo salvaron miles de vida dos galegos e o Goberno acertou cando fixo caso aos gobernos do PP".

"Estamos orgullosos de que Feijóo presida Galicia e sempre estaremos no equipo que forme", dixo o secretario xeral do PP, quen apelou ao "gran traballo" do dirixente galego en Galicia.

Coincidindo coa súa visita ao ITG, manifestou tamén que desde que o candidato popular é presidente da Xunta "a renda de cada un dos galegos está a incrementarse". "Hai que axudar a que Galicia siga tendo a estabilidade que se merece e siga crecendo económica e socialmente da man de Feijóo, do PP".

E é que, para Egea, Galicia puido "afrontar a pandemia de forma mellor" que outras comunidades autónomas porque, entre outras cuestións, apuntou conseguiu "dixitalizar o seu tecido produtivo".

O secretario xeral do Partido Popular, Teodoro García Egea.
O secretario xeral do Partido Popular, Teodoro García Egea. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta