Novo descubrimento científico: “O albariño xa existía en Galicia en época romana”

Científicos da Misión Biológica de Galicia e da Universidade de Santiago presentan un estudo no que compararon sementes arqueolóxicas coas actuais. Os resultados poderían ser revolucionarios, xa que até agora pensábase que a orixe do albariño era medieval.

Por Alberto Quian | Madrid | 03/07/2020 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

A orixe da uva albariña e do seu cultivo segue sendo un misterio, pero hoxe podería selo menos. Contra o que se pensaba até agora, podería remontarse á época romana.

Uvas colleitadas na vendima das Rías Baixas
Uvas colleitadas na vendima das Rías Baixas | Fonte: Europa Press.

A idea máis estendida até hoxe é que a albariña fora importada desde Francia por uns monxes da abadía de Cluny no século XII, traéndoa ao mosteiro de Armenteira. Pero esta hipótese nunca foi sostida por ningunha evidencia científica e forma parte dunha lenda á que contribuíu, entre outros, Álvaro Cunqueiro; outra teoría apunta que foron suevos e visigodos, no período das migracións xermánicas do século V, os que trouxeron as primeiras cepas a Galicia desde o val do Rin; tamén hai quen defende que se trata dunha variedade autóctona galega da que se descoñece o momento histórico no que empezou a ser cultivada.

Do que si hai evidencia é de que foi na Idade Media cando se empezou a dedicar grandes superficies de terreo en Galicia á viticultura, converténdose o viño –en xeral– no produto agrícola preferido dos terratenentes nobres. Pero séculos antes, na Gallaecia, a uva albariña xa tería sido cultivada polos que moraban nalgúns asentamentos. Cando menos esta é a hipótese que defenden científicos da Misión Biológica de Galicia (Consejo Superior de Investigaciones Científicas – CSIC) e do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nunha nova achega científica que permitirá abrir un novo camiño investigativo para coñecer a orixe do viño albariño.

Ademais de sementes de vide silvestre, atoparon en xacementos mostras da subespecie sativa semellantes ás actuais, o que indicaría que o albariño xa se cultivaba en época romana

Os investigadores veñen de publicar na revista científica Australian Journal of Grape and Wine Research os resultados dun traballo no que compararon as características de varias mostras de vitis vinifera das subespecies sativa (vide cultivada) e sylvestris (vide silvestre).

Como lembran os autores do estudo, as uvas sylvestris rexistráronse antes do Neolítico, mentres que os primeiros restos de sementes de sativa teñen uns 8.000 anos e son hoxe as uvas dominantes pola súa explotación comercial, mentres que a vide silvestre agora é moito máis rara no mundo e, ata a data, “ningún espécime vivo desta subespecie foi reportado en Galicia”, destacan.

En España, apuntan, “a primeira evidencia arqueolóxica do cultivo da vide provén dos niveis fenicios da cidade de Huelva e do sur e Levante durante o primeiro milenio antes de Cristo, unha actividade que en época romana e medieval se estendeu a todas as partes da península”.

Con todo, proseguen, “o proceso de domesticación segue sendo en gran medida descoñecido e quedan moitas dúbidas sobre onde comezou e a velocidade á que ocorreu”.

TRES XACEMENTOS

No caso do noroeste peninsular, “a información sobre o inicio do cultivo da vide é bastante escasa”, salientan. Nesta zona, e até onde se sabe, as sementes de vitis vinifera máis antigas foron atopadas nos xacementos romanos do Areal (Vigo) e Reza Vella (Ourense). Precisamente foi nestes dous enclaves, ademais da área medieval da Ponte do Burgo (Pontevedra), onde se recolleron mostras de sementes arqueolóxicas de uva para este estudo.

Esas sementes comparáronse morfoloxicamente con outras de diferentes variedades cultivadas (sativa) nas mesmas áreas e con vides silvestres de diferentes partes de España e País Vasco francés. O que atoparon foi “sementes dos sitios romanos que parecen pertencer a ambas as dúas subespecies”, mentres que “as do sitio medieval eran similares ás dos cultivos actuais” de albariño.

Os investigadores cren que en Galicia houbo un “proceso de domesticación local de variedades silvestres similar ao que puido ocorrer no sur de Francia durante o primer milenio antes de Cristo”

Esas similitudes dalgunhas mostras de sementes de vide de xacementos arqueolóxicos romanos coas variedades actuais que se cultivan nas mesmas zonas é o que lles permite afirmar que “o albariño xa existía en Galicia en época romana”.

“As relacións próximas de certas variedades cultivadas actualmente con algunhas das mostras romanas indican que estas variedades poden ser máis antigas que as outras examinadas. De feito, as sementes da variedade albariño mostraron características morfométricas similares ás sementes atopadas nos sitios romanos e medievais. Dado que o albariño se cultiva tradicionalmente na mesma área que estes sitios, esta variedade pode que se cultivase xa en época romana”, conclúen os investigadores.

Xa que se sabe que “durante a época romana, as vides silvestres estaban en proceso de domesticación”, os científicos cren que os seus resultados poden servir para soster a hipótese de que en Galicia se produciu un “proceso de domesticación local de variedades silvestres similar ao que puido ter ocorrido no sur de Francia durante o primer milenio antes de Cristo”.

Con todo, matizan, “alternativamente, as variedades cultivadas puideron terse introducido no noroeste ibérico desde outras áreas do Imperio Romano”, algo que se poderá esclarecer “con análises xenéticas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta