A Mesa agasalla aos participantes do debate da TVG un libro de como falar e escribir ben en galego

A asociación polo galego incide en que o uso da lingua por parte dos representantes dos partidos políticos ten repercusión directa na nosa comunidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2020 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística decidiu enviarlles como agasallo ás cabezas de lista das candidaturas que participaron no debate da TVG o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, publicado en Xerais por Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de Honra da asociación, despois da preocupación mostrada pola sociedade galega polas melloras claras que necesita o galego que utilizaron as sete cabezas de lista.

O libro de Carlos Callón que foi agasallado aos candidatos á Xunta de Galicia pola Mesa.
O libro de Carlos Callón que foi agasallado aos candidatos á Xunta de Galicia pola Mesa. | Fonte: A Mesa

Como explica Marcos Maceira, presidente da Mesa, "entre esas sete mulleres e homes está quen ocupará a presidencia do Goberno galego na próxima lexislatura" e "o autogoberno de Galiza ten como alicerce a existencia da nosa lingua propia". "Se hai Xunta é porque hai lingua", indica Callón.

O autor do manual explica que "cando as persoas expresan o seu desacougo nas redes sociais porque se necesita un mellor galego, non están a pedir unha lingua máis artificial, senón máis viva, máis natural; isto é, que siga os camiños do galego tradicional na fonética, na entoación, na sintaxe, na fraseoloxía, e que sexa máis coidado no vocabulario". "Non é certo que unha lingua desleixada sexa unha lingua máis auténtica", resume.

Desde A Mesa desexan que o libro "sexa ben acollido e moi usado por estas destinatarias e destinatarios".

A Mesa pola Normalización Lingüística ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. Tanto polas súas actividades como polo seu número de asociadas/os é a maior asociación do galego e un referente social imprescindíbel no terreo da normalización lingüística

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 CastelaoPaSogama

¿Pero Callón non se pasou ao español? Hai como dous anos matriculouse más opos de profesor de lingua española, aínda que un desgraciado suceso familiar impediulle presentarse.

1 Violeta 4

Máis ou menos como dicir que se en La Rioja hai comunidade autónoma é grazas ao rioxano, ou se en Estremadura hai goberno autonómico é grazas á lingua estremeña A pregunta é sinxela: canto diñeiro público en forma de subvención custáronnos eses libros de Callón?

1 Alienao

Moitísimo menos do que costa manter aos parlamentarios do cabaceiro. E xa que os temos qué menos que aprendan a falar e escribir.