Satse insiste ao Sergas en que os profesionais de Enfermaría de Galicia "sexan compensados polo solape de xornada"

Segundo este sindicato, unha enfermeira "fai de media unhas 80 horas ao ano que, pola contra non son recoñecidas como tempo de traballo no Servizo Galego de Saúde".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/07/2020 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría (Satse) volveu a reclamar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que o "solape de xornada sexa compensado con descansos ou en retribución" para este persoal. O sindicato lembrou que defendeu esta reivindicación en mesa sectorial de Sanidade en varias ocasións, "pero nas últimas respostas, o Sergas argumentaba que non hai suficientes enfermeiras para cubrir, e así poder baixar a xornada".

Imaxe de arquivo dunhas enfermeiras traballando con máscaras
Imaxe de arquivo dunhas enfermeiras traballando con máscaras | Fonte: SATSE

"O solape é o tempo (20 minutos, como mínimo) que unha enfermeira de planta de hospitalización dedica, fóra da súa xornada laboral, a dar ao compañeiro que lle releva información fundamental e transcendente sobre a evolución e coidados que requiren os seus pacientes; contemplada dentro das prácticas seguras de enfermaría", sinalou. "Uns datos que, de igual maneira, recibe cando entra a traballar por parte do profesional que lle precedeu na quenda anterior", abundou.

Segundo as estimacións do Sindicato de Enfermaría, unha enfermeira ou enfermeiro que presta os seus servizos nun centro hospitalario "fai de media unhas 80 horas ao ano que, pola contra non son recoñecidas como tempo de traballo no Servizo Galego de Saúde".

"Castela León, Cataluña, Baleares, Madrid e Euskadi xa recoñecen ás súas enfermeiras o coñecido 'solape de xornada', que é o cambio de quenda, como tempo de traballo. Tras o compromiso adquirido pola Administración galega na mesa de xullo de 2019, esperabamos que Galicia puidese unirse a ese grupo de CCAA, pero sorpréndenos a cerrazón do Sergas nun asunto para o que mesmo xa hai fallos xudiciais no ámbito laboral que dan a razón á organización sindical", lamentou.

Doutra banda, o Sindicato de Enfermaría tamén insiste na "esperada recuperación dos tres días de libre disposición que no seu momento tiñan de carácter autonómico, pero que con motivo dos recortes quitáronllos", indicou.

"Cremos que xa é o momento de poder recuperalos", explica Satse, á vez que engade que "a nivel de Estado son seis días de libre disposición".

"Outra antiga reclamación de Satse é a de solicitar que as enfermeiras poidan acollerse á exención voluntaria de noites sen diminución económica, unha vez teñan máis de 55 anos, como se recoñece e así está plasmado en diversa normativa e acordos para o persoal médico en canto ás gardas", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta