Afectados polos danos do lobo e xabarín acusan á Xunta de non querer pagarlles tras dous anos agardando

A Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe de Galicia denuncia que a resposta que están a recibir das axudas do 2018 é "crédito esgotado".

Por Galicia Confidencial | Lugo | 03/07/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe de Galicia (Aperfasa-Galicia) acusa á Xunta de non querer pagar as axudas prometidas polos danos causados polo lobo e o xabarín en zonas agrarias do ano 2018 alegando que ten o "crédito esgotado". 

Un xabarín nun campo de millo
Un xabarín nun campo de millo | Fonte: www.zoowebplus.com

A través dun comunicado, a entidade critica que  esta semana,  os afectados están a recibir as notificacións das axudas da Orde do 19 de decembro do 2018. Estas axudas foron aprobadas pola Directora Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o día 25 de septembro de 2019, é dicir, case un ano despois.

Con todo, e tras esperar 19 meses dende a solicitude e máis de 9 dende a resolución, a resposta é desestimada. A Xunta alega "crédito esgotado". Aperfasa-Galicia lembra que tiña o compromiso da Directora Xeral, que no caso de ser necesario se ampliaría a partida presupostaria para que as axudas chegaran a todos os que precisaran facer investimentos. "E este compromiso, claramente se está a incumplir", critica.

"A quen se lle esgota o crédito é aos afectados polas maiores pragas de animais da historia de Galicia. Esgótase o crédito económico xa que a fauna salvaxe mata e estraga as produccións da xente do rural, o que conleva perdas económicas gravísimas", apunta. "Tamén se esgota o crédito na clase política, xa que en fronte da realidade que se vive día a día no rural, está este tipo de feitos", engade.

Ademais, Asperfaga denuncia que os políticos só se lembren do rural en época electoral para "ir facer as fotos". "Pero ningún explicou cal é o seu plan para resolver as maiores lacras que sofre o campo galego, que son o lobo e o xabaril. E máis nin sequera se sabe cal é a súa postura ante a petición de rebaixas de poboacións de fauna salvaxe", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta