Caballero pide por carta a Feijóo información sobre o brote da Mariña: "Xa imos con atraso"

Cre que a situación se lle foi "das mans" ao presidente, quen contará coa "responsabilidade crítica" do PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/07/2020 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

O candidato socialista á Presidencia da Xunta e líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, remitiu unha carta ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a través da que lle pide información sobre o brote da Mariña e medidas para conter o virus.

Gonzalo Caballero, que este domingo compareceu ante os medios en Santiago de Compostela, asegurou que os alcaldes socialistas da comarca, "cos que Feijóo non mantivo ningún contacto desde que se coñeceu o rebrote", critican a falta de transparencia e información por parte da Xunta.

"A situación preocúpanos", manifestou o socialista, que sinalou que xa hai oito persoas ingresadas, ao redor dun centenar de contaxiados e unhas mil persoas confinadas. A pesar diso, censurou que os alcaldes carecen de información detallada e suficiente. O tamén secretario xeral do PSdeG lembrou que a Xunta ten nestes momentos todas as competencias para controlar o virus pero sostivo que parece que a Feijóo se lle foi "das mans" a situación.

"Non lle fixo caso á evolución do coronavirus desde que o Goberno de España non ten as competencias e pedímoslle que faga fronte á situación que se está vivindo, que explique aos alcaldes e alcaldesas o que está a ocorrer e que tome as medidas necesarias, porque xa imos con atraso", afirmou Caballero, que incidiu en que "se disparou o número de contagios, o de confinamentos". "E os números van crecer ao longo dos próximos días dunha forma que nos preocupa", advertiu.

Na súa intervención, ademais, sostivo que "durante semanas" se escoitou ao PP confrontar co Goberno de España de forma "gratuíta e desleal, sen ningún tipo de responsabilidade, pedindo competencias, esixindo cuestións".

"Agora as competencias están no Goberno da Xunta e correspóndelle tomar todas as medidas de detención, de prevención, de información, tamén de decisións que teñan que ver coa limitación da mobilidade e o confinamento, porque está a ocorrer unha situación que nos preocupa e que é grave", afirmou. Ante estas cuestións, Gonzalo Caballero subliñou a necesidade de que Feijóo asuma a "importancia e a gravidade" do que está a ocorrer na Mariña e trasladoulle que "terá a responsabilidade crítica do PSdeG".

"Eu quero gobernar Galicia e garanto aos galegos unha oposición leal, que desde logo sabe que Feijóo non tomou as medidas necesarias na Mariña e se lle foi das mans, pero garantimos que a partir do próximo domingo teremos o equipo para darlle á evolución do coronavirus a mellor resposta posible", sinalou. 

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, nun acto en Santiago de Compostela. PSDEG / ANDRÉS FRAGA / Europa Press
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, nun acto en Santiago de Compostela. PSDEG / ANDRÉS FRAGA / Europa Press

NOVA POLÍTICA ECONÓMICA

En clave electoral, Gonzalo Caballero, asegurou que o Partido Socialista está "en condicións de gañar as eleccións" se se mobiliza o electorado progresista o vindeiro domingo, día 12 de xullo. En declaracións aos medios en Santiago, referiuse ás distintas enquisas publicadas por diferentes medios de comunicación este domingo. "Os analistas indican que hai un alto nivel de mobilización nos votantes nacionalistas e nos votantes de dereita, e que o electorado socialista aínda non está mobilizado", sinalou.

Para o socialista, este feito implica que "están a recoñecer que o PSOE está en condicións de gañar as eleccións en Galicia". "Porque cun nivel de mobilización que vai crecendo nestes días, temos a capacidade de liderar a oposición e a alternativa", apuntou. Todo iso nunha intervención na que avogou pola transformación dixital da actividade industrial para "gañar os retos do futuro" e "non quedar na cola da competitividade" fronte a un PP cuxa política industrial foi "a da inexistencia".

Ademais, mostrouse partidario dunha transición ecolóxica que leve á sociedade galega a unha situación de sustentabilidade ambiental, de adaptarse ás normativas europeas que mostran que hai que avanzar ata esa formulación.

"Necesitamos unha nova política económica de país, con instrumentos, métodos e medios ben definidos que asuman a necesidade de profundar na transformación dixital e ecolóxica", indicou nunhas declaracións nas que puxo en valor a "mobilización" de fondos por parte do Executivo estatal para estes obxectivos fronte a un PP que "simplemente atasca e non soluciona".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta