González Pons chama polos maiores: "Os colexios electorais serán tan seguros como as farmacias"

O valenciano eloxia a xestión do actual presidente da Xunta, que define como "un capitán veterano, un exemplo": "Moitas comunidades quererían ter un Feijóo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2020 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

As estampas curiosas que deixa esta campaña electoral, marcada pola pandemia, non pasaron desapercibidas o valenciano Esteban González Pons, vicepresidente do Grupo Popular Europeo, quen se desprazou á capital galega para participar nun acto no que, segundo a súa propia interpretación, daba a impresión de que se estaba 'oficiando' a "voda civil" Alberto Núñez Feijóo co sector pesqueiro e conserveiro.

Lonxe da polémica sobre se Feijóo oculta ou minimiza as siglas do seu partido mentres enxalza a súa propia figura, González Pons seguiu o guión do resto de dirixentes estatais que visitou Galicia para facer campaña e non escatimou en eloxios para o dos Peares. "Se Galicia quere ser escoitada en Europa, debe ter un líder que sexa respectado e coñecido", aseverou.

"Orgulloso" de estar cos seus, co partido de Gerardo Fernández Albor, de Manuel Fraga e de Feijóo, esgrimiu que son "moitas" as comunidades, empezando pola súa, que "quererían ter a un Feijóo". E a continuación, exemplificouno coa xestión da pandemia por parte do Executivo galego.

"Nun tempo de amateurs, de afeccionados, de chisgarabís, a Xunta reaccionou como un Goberno adulto", proclamou, e erixiu a Feijóo nun "exemplo" no ámbito estatal, "un capitán veterano" e "maduro" que poderá capear o temporal de "tempos complexos" que non saberían xestionar outros "novatos". "Que non veña unha segunda onda (de coronavirus) e, se vén, que vos pille con Feijóo de presidente", proclamou.

González Pons, Feijóo e Rosa Quintana, nun acto electoral en Santiago.. PPDEG
González Pons, Feijóo e Rosa Quintana, nun acto electoral en Santiago.. PPDEG

VOTO TRANSVERSAL E MOBILIZACIÓN

A apelación ao voto transversal, nunha Galicia "na que caben todos", en palabras de Feijóo, xunto á mensaxe do medo a un "multipartito" e a petición de que o electorado se mobilice marcaron un acto no que González Pons tamén lembrou que se di que a Feijóo "o votan moitos socialistas".

"Din que Galicia vota a Alberto e, se todos votan a Alberto, será porque goberna para todos", esgrimiu, antes de insistir en que, se no próximo mandato teñen "un presidente novato" nun "tempo tan difícil", os galegos pagarano "caro".

Por iso, pediu que "todos vaian votar porque votar é seguro e os colexios están preparados". No foco puxo "aos maiores", aos que trasladou que estarán "protexidos". Engadiu que "os colexios estarán tan asegurados como as farmacias". "Ir a un colexio electoral será como levar a Galicia á farmacia", esgrimiu.

González Pons salientou as boas relacións de Feijóo coa PPE --lembrou que a actual presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen está ligada ao mesmo-- e o clave que pode resultar para negociacións como a do Fondo Europeo de Pesca ou o 'brexit'. Abriu o acto a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a única que segue con Feijóo desde 2009, xunto co vicepresidente, Alfonso Rueda, e cuxa tarefa eloxiou o seu xefe de filas.

"OU EU OU UN MULTIPARTITO"

No acto, o presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, animou os galegos a subirse "ao barco da reactivación económica e social" tras a pandemia e alertou de que, se el non revalida a maioría absoluta o vindeiro domingo 12 de xullo, Galicia podería quedar "sen rumbo" con "dez capitáns manexando o temón". Insistiu, xa que logo, nunha das mensaxes de forza que o acompaña desde o inicio desta campaña: ou el ou un "multipartito" de "dez partidos". Así, defendeu que a Xunta agora mesmo ten "un rumbo e un capitán que ten claro cara a onde vai".

"Se queredes volvémonos embarcar. Se queredes deixádesnos en terra", trasladou o presidente galego, quen preveu de que deixar o temón en mans de "dez capitáns" podería deixar "sen rumbo" a Galicia. "Se o temón o levan dez capitáns é peor que non levar rumbo. Se os dez queren levar o temón, rompe seguro", apostilou.

APOIO AO SECTOR DO MAR

Na súa intervención, o líder do PPdeG agradeceu a resposta extraordinaria da xente do "esencial" sector do mar durante o pico da pandemia, "garantindo alimentos de calidade a unha sociedade confinada", antes de comprometerse a seguir traballando "co mesmo rigor, disciplina, seriedade e valentía" para tomar todas as decisións necesarias para preservar a saúde dos galegos.

Tras garantir, neste contexto, que non lle tremerá "o pulso" á hora de tomar "as decisións necesarias", o candidato popular reivindicou o apoio da Xunta ao sector do mar e lembrou o impulso dun plan de reactivación económica e social cunha partida específica para o sector de 77 millóns de euros a través de cinco liñas de apoio.

REFORZAR A SUBSTITUCIÓN XERAL "RECOÑECENDO O PAPEL DA MULLER"

Pero ademais de facer balance, Feijóo avanzou as propostas do seu partido para os retos futuros do sector, empezando por "reforzar a substitución xeracional e recoñecendo o papel da muller no sector", así como impulsando melloras na habitabilidade dos barcos, na súa seguridade, de renovación da frota e de adecuación da formación.

En segundo lugar, apelou a "dotar de competitividade á frota de baixura" con iniciativas para achegar sustentabilidade e competitividade á frota de artes menores, cun plan de acción de Pesca Costeira Artesanal e Artes Menores 'Galicia 2030' que "xa está ultimado".

A terceira liña --esgrimiu-- pasa por "ampliar a actividade rendible e sustentable do marisqueo, avanzando no semicultivo, aumentando a potencialidade económica e flexibilizando os sistemas para outorgar o permex".

Como cuarta liña, Feijóo afirmou que os populares aspiran a "complementar e diversificar oportunidades no mar" cun Plan de acción en materia de patrimonio marítimo-pesqueiro e aproveitando as oportunidades que ofrecen os tres próximos Xacobeos --cun plan de promoción dos Camiños de Santiago a percorrer polo mar--.

"EVITAMOS TODAS AS MULTAS DA UE"

En último lugar, tras reivindicar que a Xunta evitou "todas as multas da UE" e de defender os avances en saneamento, o dirixente popular subliñou que, se continúa á fronte do Goberno galego, continuarase "investindo en saneamento" naquelas zonas de marisqueo e acuicultura onde aínda se pode mellorar. Tamén "garantindo un sistema de salvamento marítimo, loita contra a contaminación e vixilancia pesqueira ben dotado", e cun plan de loita e concienciación contra o lixo mariño.

Finalmente, incidiu na importancia de contar con xestores que traballen para que se poida "saír ben parados" de retos que van condicionar o futuro do sector, como o 'Brexit' ou a política de descartes, e a necesidade de potenciar o consumo de peixe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alienao

Pero que animaliño me eres González. As farmacias son tan foco de infección como os hospitais e os bares.